Ir o contido principal

Xosé M. Núñez Seixas, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020

Entre os eidos de investigación de Núñez Seixas destacan os movementos nacionalistas europeos en perspectiva comparada. FOTO: Hispona
Entre os eidos de investigación de Núñez Seixas destacan os movementos nacionalistas europeos en perspectiva comparada. FOTO: Hispona
O catedrático da USC foi recoñecido pola súa obra 'De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)'
Santiago de Compostela

A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), do catedrático da USC Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. Núñez Seixas xa fora recoñecido o ano pasado co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Ensaio 2019, pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018.

O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, será publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo. “Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico”, considerou o xurado integrado por Luís Alonso Girgado, Xesús Fraga, Rexina Vega, Montserrat Pena Presas e Carlos Lema. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.

Currículo

Doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia (1992) cunha tese sobre a cuestión das nacionalidades na Europa de entreguerras dirixida polos profesores Heinz-Gerhard Haupt e Stuart J. Woolf (publicada no 2001 como Entre Ginebra y Berlín. La cuestión de las minorías nacionales y la política internacional en Europa, 1914-1939, Madrid: Akal). Foi profesor titular de Historia Contemporánea na USC (1994-2007) e é catedrático de Historia Contemporánea dende outubro de 2007. Entre outubro de 2012 e setembro de 2017 estivo en situación de excedencia temporal para ocupar a cátedra de Historia de Europa nos séculos XIX e XX na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich. Na actualidade é tamén vicepresidente do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal), onde dirixe o Arquivo da Emigración Galega.

Foi investigador convidado nas Universidades de Halle / Saale, Bielefeld e Zentrum für vergleichende e Geschichte Europas (Berlín), ben como no Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos (Buenos Aires). Tamén foi profesor convidado nas Universidades de Rennes II, París VII, París X, Verona, City University of New York, Stanford University (EE.UU.) e a Universidad Nacional de Mar del Plata (Argentina).

É membro do consello editorial das revistas Passato e Presente e Historia Social, e fai parte do Consello Asesor das revistas españolas Historia, Trabajo y Sociedad, Rúbrica Contemporánea, Revista Universitaria de Historia Militar, Ayer, Segle XX, Franquisme & Transició e Historia del Presente, ben como das revistas internacionais European History Quarterly, Spagna Contemporanea, Nazioni e Regioni, Journal of Iberian and Latin American Literary and Cultural Studies, Estudos Iberoamericanos, Anuario del IEHS e Locus. Revista de História.

Entre os seus últimos libros, salientan Camarada invierno. Experiencia y memoria de la División Azul (Barcelona 2016, 2017; edición alemá, Münster 2016); con J. Moreno Luzón, Los colores de la patria. Símbolos nacionales en la España contemporánea (Madrid 2017); con L. Gálvez e J. Muñoz, España en democracia, 1975-2011 (Barcelona/Madrid, 2017); Suspiros de España. El nacionalismo español, 1808-2018 (Barcelona 2018, 2020, Premio Nacional de Ensayo 2019; versión alemá actualizada, Die bewegte Nation, Hamburgo 2019); El frente del Este. Historia y memoria de la guerra germano-soviética, 1941-1945 (Madrid 2018), e Patriotas transnacionales. Ensayos sobre nacionalismos y transferencias culturales en la Europa del siglo XX (Madrid 2019). Tamén coeditou os volumes Metaphors of Spain. Representations of Spanish National Identity in the 20th century (Nova York/Oxford 2017); War Veterans and the World after 1945. Cold War Politics, Decolonization, Memory (Londres 2018); Regionalism and Modern Europe. Identity Constructions and Movements from 1890 to the Present Day (Londres 2018); Hacer patria lejos de casa. Nacionalismo español, migración y exilio en Europa y América (1870-2010) (Zaragoza 2020) e Emotions and Everyday Nationalism in Modern European History (Londres 2020).

Os seus ámbitos de investigación  abranguen, entre outros: movementos nacionalistas europeos en perspectiva comparada; nacionalismos galego, vasco e catalán; a cuestión nacional na Europa de entreguerras; o nacionalismo español no século XX; identidades locais, rexionais e territoriais en España e Europa nos séculos XIX e XX; historia cultural da guerra e da violencia, con especial referencia á guerra civil española e a fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial; a emigración española cara América Latina , séculos XIX y XX, con especial referencia á emigración galega; historia transnacional dos nacionalismos, do fascismo e das identidades políticas; historia e memoria na Europa do século XX.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2020.