Ir o contido principal

En xuño comeza a campaña de verán do Programa Universidade Viva de visitas guiadas ao patrimonio da USC

Continúa así colaborando na diversificación da oferta cultural e turística da cidade

A Vicerreitoría de Cultura da USC comezará o 2 de xuño coa campaña de verán do Programa Universidade Viva de visitas guiadas ao seu patrimonio. A iniciativa, que leva funcionando continuadamente dende 2004, centrábase principalmente no acervo histórico-artístico, pero dende o comezo deste curso ampliouse tamén con visitas de dúas horas ao patrimonio natural da USC, que abrangue o Museo de Historia Natural Luís Iglesias e un roteiro polo Campus Sur.
Os detalles da campaña, enmarcada no ‘Plano de Conservación, Difusión e Posta en valor do Patrimonio Científico, Técnico, Histórico-artístico, Cultural e Paisaxístico da USC’, presentáronos en Fonseca o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Mª José Pérez; o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias,e a directora do Museo Luis Iglesias, Mabel Fraga.
Durante o ano 2007 foron 2.890 as persoas que visitaron o patrimonio histórico-artístico con Universidade Viva, un número case superado xa nos cinco meses que van de ano, con 2.455. No que respecta ao percorrido natural, desde que comezou a iniciativa en novembro do pasado ano participaron mil setecentas persoas, cifra á que hai que sumarlle os miles de visitas anuais que recibe por diferentes canles o Museo de Historia Natural. Dende o seu comezo, o programa recibiu un total de 14.000 visitas, cun índice de satisfacción do 9,6 sobre 10 segundo unha enquisa realizada pola propia institución académica.
As visitasOs visitantes, guiados por especialistas licenciados da USC, percorrerán lugares que foron e aínda son testemuña ou escenario da historia da USC e da cidade. Así, na visita polo patrimonio histórico o visitante ten a posibilidade de coñecer os espazos máis emblemáticos da Universidade orixinaria, fundamentais para entender a súa propia historia, como son os Colexios de Fonseca e San Xerome, o entorno da Praza de Mazarelos e a Facultade de Xeografía e Historia.
Pola súa banda, o percorrido polo patrimonio natural dá a oportunidade de aproximarse ao conxunto científico máis importante de Galicia, mostrando no Museo o froito do labor dos máis sobranceiros científicos galegos e aprendendo nos xardíns do Campus Sur usos e lendas vinculados aos árbores, ademais dunha parte da diversidade vexetal mundial da que a USC posúe numerosos exemplares.
Campaña de veránA campaña de verán conta con catro saídas diarias de luns a sábados, dende o 2 de xuño ao 30 de setembro, para ambos percorridos (agás os sábados pola tarde no caso do Patrimonio Natural). As visitas poden realizarse en galego, portugués, castelán e inglés, ademais de en italiano no caso do patrimonio histórico-artístico. Existe tamén a posibilidade de reservar para grupos tanto nos horarios marcados coma noutros, facendo a solicitude con antelación.
Os billetes, cun prezo de sete euros e descontos para a xuventude, xubilados e colectivos de cidadáns, comunidade universitaria e grupos, poden adquirirse no Colexio de Fonseca, no Museo de Historia Natural Luís Iglesias, en Unitenda, e nos postos de Turismo, así como en diversos hoteis da cidade. Xa en setembro, a USC prevé organizar, previa reserva, visitas gratuítas para alumnos de centros de primaria e secundaria.
Turismo de calidadeA USC continua deste xeito colaborando na diversificación da oferta cultural e turística da cidade, ademais de asumir o compromiso de facelo cun proxecto de calidade demostrada, polo que ambos percorridos de Universidade Viva contan coa certificación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, auspiciado pola Federación Española de Municipos y Provincias e pola Secretaría General de Turismo.
O programa está apoiado actualmente polas Consellarías de Innovación e Industria, de Cultura e Deporte, de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e de Educación e Ordenación Universitaria, a través das súas Direccións Xerais de Turismo, de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e de Ordenación e Innovación Educativa respectivamente; así comopolo Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2008.