A Xunta de Facultade de Matemáticas solicita a continuidade do Mestrado Universitario en Matemáticas

A Xunta de Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela acordou manifestar “de forma clara e decidida” o seu apoio á continuidade do Mestrado Universitario en Matemáticas, logo de que a Xunta de Galicia suspendese a oferta de novo ingreso para o vindeiro curso académico.
Para o máximo órgano de goberno do centro este título debe considerarse “unha prioridade estratéxica para Galicia”, e a suspensión da súa oferta “carrexa consecuencias moi difíciles de reverter, tanto a curto como a medio e longo prazo”. Entre elas, a fuga de talento, “cunha valiosa parte das egresadas e egresados do grao e dos dobres graos da Facultade así como en Enxeñaría Informática e Matemáticas obrigada a abandonar Galicia para continuar a súa formación de posgrao”, e a redución “drástica” da capacidade de Galicia para continuar xerando ciencia de excelencia no eido das matemáticas”. Ademais, apunta que “a súa interrupción compromete seriamente a renovación xeracional do persoal docente e investigador”.
Por todo isto, a Xunta de Facultade de Matemáticas da USC considera que a suspensión da oferta de novo ingreso deste mestrado constitúe “un erro estratéxico e educativo de gran magnitude”, polo que insta a Xunta de Galicia a reconsiderar esta decisión “coa urxencia que o caso require e a garantir a continuidade estable” deste título no sistema universitario galego.