Ir o contido principal

A Xunta de Goberno do iLTIUS aproba a integración de 48 membros permanentes na primeira convocatoria de vinculación

O Instituto ten a súa sede na Facultade de Filoloxía
O Instituto ten a súa sede na Facultade de Filoloxía
Na avaliación das candidaturas, a comisión asesora externa do instituto encargada tivo en conta a traxectoria científica das persoas aspirantes e a súa relación directa coas liñas de investigación do iLTIUS

A Xunta de Goberno do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS) acaba de aprobar a vinculación de 48 investigadores/as ao instituto, persoal que obtivo unha avaliación favorable na primeira convocatoria de vinculación. Unha Comisión Asesora Externa do iLTIUS, integrada por cinco persoas expertas de prestixio internacional, avaliaron as solicitudes recibidas tendo en conta dous criterios fundamentais establecidos na convocatoria: a traxectoria científica das persoas aspirantes e a súa relación directa coas liñas de investigación deste instituto. A vinculación estenderase para un período de catro anos e estenderase ao persoal non estable que desenvolve a súa actividades con eles/as (persoal predoutoral e posdoutoral, lectores, persoal técnico de investigación,...).

O persoal investigador que solicitou a súa vinculación pertence a distintas áreas, maioritaria pero non exclusivamente adscritas ás facultades de Filoloxía e Humanidades da USC: Filoloxía alemá, francesa, galega a portuguesa, grega, inglesa, latina, románica, Lingua española, Lingüística indoeuropea, Literatura española e Didáctica da lingua e a literatura. As súas liñas de investigación inscríbense nos cinco retos do Instituto –Linguaxe e cognición, Competencia lingüística e comunicativa, Patrimonio literario: tradición e innovación, Xénero e diversidade, e Tecnoloxías vinculadas á dixitalización– e nos seus diferentes eixos, ata un total de once.

Máis do 70% dos novos vinculados son mulleres. Tendo en conta a súa categoría laboral, debe destacarse como feito moi positivo a presenza de persoal que se atopa en momentos diferentes da súa traxectoria: 17 son catedráticos/as de universidade, 18 titulares, 5 contratados/as doutores, 2 permanentes laborais e 5 axudantes doutores, ademais dun emérito.

Xa con persoal permanente e non permanente, o iLTIUS poderá iniciar a súa andaina e despregar as distintas facetas da súa actividade, apoiadas polo orzamento asignado pola Vicerreitoría de Política Científica da USC, a través do Convenio de Colaboración para accións estratéxicas de I+D+i subscrito coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Entre os fitos inmediatos cóntanse, por unha banda, a presentación oficial do Instituto, e pola outra, o próximo nomeamento do seu Consello Científico.

ilTIUS 

O iLTIUS ten como obxectivo desenvolver investigación básica e aplicada de alto nivel centrada nunha ampla gama de linguas indoeuropeas antigas (latina, grega) e modernas (alemán, español, francés, galego, inglés, portugués), así como nas literaturas que se desenvolveron a partir destas linguas e que, á súa vez, actuaron como instrumentos para a súa consolidación e estandarización.

O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC busca, polo tanto, abordar, desde unha perspectiva multilingüe, “o complexo contexto histórico e sociocultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas obxecto de estudo e os seus textos orais e escritos, como un patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, poida reafirmar a súa propia identidade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2025.