Ir o contido principal

O xurado do Premio Aresa fallará o xoves 2 de xaneiro a candidatura gañadora da décimo cuarta edición deste certame

O reitor Juan Casares presidirá un tribunal formado por Álvaro Rodríguez, Carlos del Álamo, Mouriño Cuba e Pedro García, decidirá entre os sete proxectos seleccionados

O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola empresa de subministros agrarios e gandeiros Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, fará pública o vindeiro xoves 2 de xaneiro, a partir das 12.30 horas, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, a candidatura gañadora da décimo quinta edición deste certame, dotado cun premio en metálico de 10.000 euros.

O tribunal encargado de fallar o XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, presidido polo reitor da USC, Juan Casares, e que, nesta ocasión estará formado polo enxeñeiro de Montes e presidente conselleiro de Tecnoma, Carlos del Álamo Jiménez; o enxeñeiro agrícola, Xosé Mouriño Cuba; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, seleccionará a candidatura galardoada no marco dunha reunión que se desenvolverá a partir das 11.00 horas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Unha vez rematadas as deliberacións, o reitor Juan Casares, acompañado dos membros do xurado, farán público o seu fallo nun acto no que tamén porán de manifesto as razóns que fundamentan a súa decisión. Entre os sete proxectos previamente seleccionados polo xurado e que se axustan ás bases do XIV Premio Aresa, unha convocatoria que prima aquelas iniciativas ou proxectos que destaquen pola súa viabilidade, o fomento do emprego e a posta en valor dos produtos da terra, atópanse dúas empresas, unha asociación e catro proxectos de investigación. Daquela, a firma Alibós, emprazada en Monterroso e centrada na elaboración e envasado de castaña pelada e conxelada; o gandería Quintián, que leva máis de catro décadas producindo leite en O Páramo, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, así como outros proxectos sobre creación de empresas de cultivo de Árnica Montana en Galicia, identificación de animais por ADN, casas de labranza de Galicia e prevención e loita contra enfermidades propias dos viñedos atlánticos, constitúen as candidaturas que optan ao XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2013.