O Xurado do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia pospón a súa decisión para outra sesión de traballo

O xurado do XV Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia reunido este venres, 1 de abril, en Santiago de Compostela, baixo a presidencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e integrado polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen, os reitores das Universidades de Vigo Santiago de Compostela, Salustiano Mato e Juan Casares, respectivamente, e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, acordou seleccionar aos finalistas dos 27 candidatos presentados, pospoñendo a decisión para unha próxima reunión. Segundo o presidente do xurado “estamos nun período de deliberación e consultas e rematada esta primeira fase, traballaremos na seguinte para chegar ao candidato final”. Segundo os integrantes do xurado o número e a calidade dos candidatos obriga á realización dunha segunda sesión para tomar a decisión e conceder este meritorio galardón. O Premio Compostela-Xunta de Galicia é un galardón anual outorgado conxuntamente polo Grupo Compostela de Universidades e o Goberno galego. Este Premio recoñece a persoas ou institucións destacadas debido ao seu traballo a favor da difusión de proxectos ou ideas de alcance internacional, especialmente aquelas relacionadas coa promoción do ideal común europeo, a educación e a preservación da nosa cultura.