Ir o contido principal

O xurado do XIV Premio Grupo Compostela - Xunta de Galicia reúnese este venres en Santiago

O xurado do XIV Premio Internacional Grupo Compostela – Xunta de Galicia reunirase este venres 26 ás 17:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O premio, instituído pola Xunta de Galicia e o Grupo Compostela de Universidades, recoñece ás persoas ou institucións destacadas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.
O xurado deste ano está presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, por delegación do presidente da Xunta de Galicia; e composto ademais polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e os reitores das Universidades de Xaén, Lima (Perú) e Bergen (Noruega), os profesores Manuel Parras Rosa, Ilse Wisotzki Loli e Sigmund Gronmo.
Na última edición o premiado foi o escritor e xornalista libanés Amin Maalouf, cuxa obra está marcada polas experiencias da guerra civil e a inmigración. En ocasións anteriores o Premio foille concedido a Jacques Santer, ex presidente da Comisión Europea; Václav Havel, presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling; o escritor neerlandés Cees Nooteboom; a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte; o arquitecto portugués Álvaro Siza; o investigador e catedrático da USC, Manuel Díaz y Díaz; o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler; o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski; o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia; o investigador Manuel Castells, e Canal Arte, que nace en 1991 por iniciativa das cadeas públicas de televisión de Francia e Alemaña.
O galardón ten unha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a concha, símbolo da peregrinación e do grupo promotor do certame.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2010.