Ir o contido principal

XuvenCiencia conclúe a VI Xornada para o Profesorado cunha sesión en liña

Imaxe do proxecto 'Homes, mulleres e STEM', desenvolvido por XuvenCiencia
Imaxe do proxecto 'Homes, mulleres e STEM', desenvolvido por XuvenCiencia
Docentes de ensino medio participantes no programa expoñen este venres a súa experiencia cos kits de investigación na aula durante un curso académico condicionado pola pandemia, ao tempo que poderán asistir a dous relatorios sobre CRISPR e os prexuízos que pesan sobre as mulleres para elixir carreiras tecnolóxicas
Lugo

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, promovido polo grupo de innovación docente homónimo do Campus de Lugo da USC coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, celebra este venres a sesión final da VI Xornada XuvenCiencia para Profesorado no marco dun foro en liña, un encontro virtual deseñado para sortear as restricións derivadas da pandemia e favorecer así a participación do maior número de docentes de ensino medio matriculados no programa en condicións de seguridade.
 
Durante as catro horas de programa formativo, os e as profesoras de ESO,  BAC e FP que tomaron parte da VI Xornada XuvenCiencia para Profesorado terán a palabra para explicar como foi a súa experiencia cos kits científicos de XuvenCiencia durante o curso 2019/2020 e os primeiros meses do ano académico 2020/2021. Ademais de poñer en común os seus resultados, os docentes poderán partillar dúbidas e consultalas con outros/as profesoras e cos/as investigadoras e docentes do campus de Lugo da USC que desenvolveron os kits.

Kits de investigación

XuvenCiencia articulouse no curso académico 2019/2010 a partir de seis kits de investigación, que se mergullan na trazabilidade alimentaria a través de probas de ADN (DNA-Meat), miden a cantidade de proteína do leite a partir dun fotómetro móbil especialmente deseñado no campus de Lugo polo grupo XuvenCiencia (Fotometrix), investigan todas as posibilidades da luz (Photonics Explorer), inícianse no cultivo de plantas in vitro (Vitroplant), aplican a tecnoloxía para estudar diversas variables medioambientais (AquaLab) e propoñen unha introdución ao diagnóstico veterinario (Animal CSI).

A sesión programada este venres completarase cunha charla titulada CRISPR/ Cas9: funcionamento e aplicacións en biomedicina, tema de gran actualidade debido ao recente premio nobel outorgado a esta técnica, que estará a cargo de Alba Pensado López, investigadora predoutoral do programa de Doutoramento en Medicina Molecular, adscrita ao departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física do campus de Lugo da USC e ao grupo de Medicina Xenómica do Centro de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas do campus de Santiago da USC. Así mesmo, Marta Veiga Izaguirre, xestora de XuvenCiencia e doutoranda do programa de Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe do campus de Lugo da USC, ofrecerá o relatorio  Homes, mulleres e STEM, un resumo dos resultados dunha enquisa sobre prexuízos e estereotipos de xénero contestada por 700 alumnos de 31 institutos de Galicia dentro do actual proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo!’.

Clausura

A clausura da sesión correrá por conta de Mercedes Novo Rodríguez, profesora do departamento de Química Física da USC e coordinadora de XuvenCiencia, e de Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas derivadas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, a iniciativa desenvolvida desde o Campus Terra recibiu un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), tras ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2020.