XuvenCiencia súmase ao Día de Rosalía cunha campaña que liga os seus versos coa investigación do Campus de Lugo

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC súmase á celebración do Día de Rosalía de Castro coa difusión, a traves das súas redes sociais en Twitter, Instagram e Facebook e da súa páxina web, dunha serie de contidos multimedia nos que se poñen en relación algúns dos versos máis coñecidos dos poemas en galego de Rosalía de Castro cos sete kits de experimentación científica para as aulas de secundaria deseñados e desenvolvidos polos integrantes de XuvenCiencia.
Esta acción simbólica de divulgación científica coincide coa celebración este mércores do Día de Rosalía, unha efeméride que conmemora o nacemento da poeta auroral do Rexurdimento galego o día 23 de febreiro de 1837 en Conxo, segundo as recentes pescudas da investigadora da USC Sagrario Abelleira Méndez.
As persoas que integran XuvenCiencia conciben as sete imaxes difundidas como un xeito humorístico de render homenaxe a Rosalía de Castro que tamén serve para conectar a obra da máis importante das poetas de Galicia coas investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo.
Asemade, esta campaña polo Día de Rosalía pretende ser o particular tributo do grupo de innovación docente XuvenCiencia a unha autora que soubo mirar arredor de si e ollar e facer unha disección precisa do territorio e do pobo de Galicia coa mesma curiosidade que esperta a ciencia nas persoas.





