Ir o contido principal

XuvenCiencia traducirá os relatos de ‘Ciencia-me un cuento’ para normalizar o galego como lingua científica nas aulas

Ilustración incluída no volume 'Ciencia-me un cuento'
Ilustración incluída no volume 'Ciencia-me un cuento'
O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC que coordina Mercedes Novo ve na iniciativa da Sociedade de Científicos Españoles do Reino Unido unha ferramenta acaída para trasladar ás aulas preuniversitarias inquedanzas pola investigación e colaborará co SNL da USC para adaptar ao galego os relatos científicos
Lugo

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia aposta por normalizar o galego como lingua de divulgación científica nas aulas de alumnado preuniversitario a través da adaptación/tradución do proxecto ‘Ciencia-me un cuento’, unha iniciativa promovida pola Sociedade de Científicos Españoles do Reino Unido co apoio da Fundación Lilly que está estruturada en diversos relatos de temática científica adaptados ao público escolar que só está accesible en inglés e castelán.

O volume ‘Ciencia-me un cuento’ compila contos nos que a ciencia e a investigación son as protagonistas de historias próximas que permiten aos lectores descubrir un universo cheo de posibilidades. A temática destes relatos, narrados por nenas e nenas de ensinanza primaria, é diversa e abrangue  desde o método científico, a contaminación mariña ou, entre outros, a doenza do Alzhéimer.

Os contos incluídos neste libro representan unha escolma dos traballos presentados en Reino Unido ao concurso de relatos científicos ‘Ciencia-me un cuento’. “Son relatos que proceden de distintos recunchos do mundo e que avivan a curiosidade científica e cultural dos seus lectores”, explica a investigadora da USC e integrante de XuvenCiencia Paula Rodríguez Villamayor.

A profesora do departamento de Química-Física da facultade de Ciencias da Mercedes Novo Rodríguez, considera que o proxecto ‘Ciencia-me un cuento’ encaixa “perfectamente” coa filosofía de XuvenCiencia no que se refire á súa vontade de trasladar a indagación científica ás aulas de ensino preuniversitario desde unha abordaxe tanxible e experimental.

Daquela e para avanzar neste cometido, Novo Rodríguez avanzou a intención de XuvenCiencia de buscar a colaboración da Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido e do Servizo de Normalización Lingüística da USC para traducir ao idioma galego os contidos de ‘Ciencia-me un cuento’ e levalos así os centros escolares de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2022.