A XV edición do Festival Internacional de Teatro Universitario chega este luns ao seu final en Lugo

A XV edición do Festival Internacional de Teatro Universitario chega o luns 30 ao seu final non sen antes representar as últimas catro funcións deste ano, tres adultas e unha orientada ao público infantil, previstas para esta fin de semana.
Así, o sábado 28 a Aula de Teatro da Universidade de Alacante representará ás 21:00 horas no Auditorio Freire a obra de Juan Luis Mira ‘Abuelos. Las cerezas de la memoria’, baixo a dirección de Jesús Cracio, unha peza na que se invita a poñerse na pel dos avós e o seu sentir.
O domingo haberá sesión dobre, xa que ás 17:00 horas terá lugar unha función destinada aos nenos a partir dos 3 anos. A Aula Infantil de Teatro Gepetto, do Campus de Ourense, representará ‘Rescuita e o reino dos sentímidos’, que ofrece unha reflexión sobre a importancia que tén para os nenos o poder expresar libremente o que senten. Nesta ocasión, o aforo estará limitado a 50 persoas.
Ás 21:00 horas será a quenda da Compañía da USC do Campus de Santiago, que representará a obra ‘xogos á hora da sesta’, de Roma Mahieu e baixo a dirección de Cándido Pazo. O argumento recolle a través da metáfora unha historia concibida para ser interpretada polos adultos que xogan ao neno que levan dentro.
A obra que se clausurará o luns 30 esta décimo quinta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario introducirá ao espectador nun thriller teatral que pretende asustar e emocionar ao mesmo tempo. O grupo do Campus de Ourense Maricastaña representarán ás 21:00 horas a peza ‘Hide’, dirixida por Fernando Dacosta e baseada no caso de Doutor Jekyll e Mr Hyde, de Robert Louis Stevenson.
A entrada é gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que abrirá media hora antes da función. Haberá autobuses para asistir que sairán desde a Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 20:15 horas, e desde o Pavillón Central da Facultade de Veterinaria ás 20:30 horas.
Este festival está organizado dentro do Convenio Lugo Cultural, integrado pola USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.