Ir o contido principal

O XVI Congreso da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais reúne en Lugo a máis de 250 expertos

Público asistente a inauguración do Congreso de Riscos Laborais na Facultade de Ciencias no Campus de Lugo
Público asistente a inauguración do Congreso de Riscos Laborais na Facultade de Ciencias no Campus de Lugo

O XVI Congreso da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais ‘Abrir novos espazos e sacudir os comportamentos’ foi inaugurado este xoves 20 na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo onde se vai desenvolver ata o vindeiro sábado 22 coa presenza de mais de 250 expertos.
Ao acto oficial asistiron o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela; o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo, Francisco de la Gala; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Giménez Domínguez; e o profesor de Medicina Preventiva e organizador do evento, Carlos Quintas Fernández.
Este congreso pretende ser un foro onde se debata a realidade da Seguridade e da Saúde no Traballo, desde as distintas perspectivas que configuran as especialidades de Medicina no Traballo, Seguridade, Hixiene e Ergonomía e Psicosocioloxía. Deste xeito o programa inclúe mesas de debate, relatorios e talleres de traballo en diferentes aspectos como o tabaco, a hixiene industrial, os riscos biolóxicos, as vacinas ou a xurisprudencia, entre outros.
As actividades previstas para este venres 21 comezarán ás 9:00 horas coa celebración dunha mesa redonda sobre o control biolóxico na vixilancia da saúde e deseguido noutra mesa debaterase sobre os riscos biolóxicos e os dispositivos de seguridade. O tempo restante de mañá dedicarase a discutir sobre as vacinas no medio laboral e sobre a situación actual da prevención de riscos laborais nas distintas administracións.
Na quenda de tarde celebraranse os relatorios de representantes de diferentes empresas como Mutua Galega, Asepeyo, Fraternidad-Muprespa, MC, Fremap e Unipresalud e ás 17:15 celebrarase unha mesa redonda dedicada aos aspectos xurídicos da Seguridade e da Saúde Laboral, na que se falará sobre as responsabilidades e as novidades lexislativas ao respecto. A esa mesma hora tamén esta prevista a celebración da asemblea da Sociedade Española de Medicina e Seguridade do Traballo. Posteriormente, e aínda que o congreso non remata ata o sábado 22, ás 19:30 horas clausuraranse oficialmente as sesións científicas nun acto presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
A organización do congreso incluíu no programa, ademais das sesións científicas, unha serie de actividades sociais, coas que os asistentes ao congreso visitarán o Balneario de Lugo e as Termas Romanas, a muralla e o casco histórico da cidade e outras zonas da provincia como a Comarca de Lemos e os cañóns do Sil, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2007.