Ir o contido principal

A XVII Olimpíada Solidaria de Estudo rexistra na USC un total de 36.724 horas

Alumnado estudando na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
Alumnado estudando na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
Por cada hora de estudo de cada alumno, destinarase 1 euro a proxectos solidarios en Ecuador e O Congo
Lugo, Santiago de Compostela

O esforzo de 2.451 persoas, de entre as cales 1.604 son mulleres e 847, homes, servirá para fomentar o desenvolvemento profesional de centenares de mulleres en Ecuador e O Congo. O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) e a Fundación Coopera impulsan a XVII Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de educación para o desenvolvemento e de sensibilización que na edición deste ano rexistrou na USC un total de 36.724 horas de estudo. Baixo o lema ‘Estou onde podo axudar’, por cada hora de estudo de cada alumno ou alumna, as entidades patrocinadoras destinarán un euro para apoiar proxectos educativos nestes países.

Lograr formación profesional e persoal para 220 mulleres emprendedoras na provincia de Manabí en Ecuador, unha das máis afectadas no terremoto de 2016; así como a capacitación agrícola e apoio ás actividades comerciais das 463 mulleres integrantes da Plataforma Ecolo Femmes en Kivu Sur (O Congo) son as dúas causas ás que se destinarán os fondos recadados.

Resultados
As bibliotecas Concepción Arenal e Intercentros de Lugo foron as que captaron a participación dun maior número de usuarios. Así, a Concepción Arenal contou coa participación de 809 mulleres e 352 homes que rexistraron un total de 17.876 horas de estudo. Pola súa parte, a Biblioteca Intercentros de Lugo logrou que tomasen parte na Olimpíada 161 mulleres e 103 homes que rexistraron un total de 3.798 horas de estudo.

No relativo ás bibliotecas dos centros, destacou especialmente o número de horas rexistradas na Facultade de Física que con 57 mulleres e 88 homes participantes, rexistrou un total de 4.130 horas de estudo. Matemáticas e Filoloxía son os centros que ocupan o segundo e terceiro posto en número de horas rexistradas. O responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Agrafojo, destacou este venres que “os totais están nos números habituais de cada ano, polo que non podemos estar de novo máis satisfeitos con toda a participación e colaboración de toda a comunidade universitaria”.

Para facer o cómputo total das horas habilitouse, como en anos anteriores, un terminal informático nas bibliotecas, no que o estudantado tivo que introducir a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), no momento de entrar á sala e ao saír. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.