Ir o contido principal

A XVIII edición do Festival de Teatro Universitario abre o pano en Lugo cunha atractiva e variada oferta escénica

De esquerda a dereita, Marcos Outeiro, Antón Bao, Pedro García Herradón e Paloma Lugilde, durante a presentación do Festival de Teatro Universitario de Lugo
De esquerda a dereita, Marcos Outeiro, Antón Bao, Pedro García Herradón e Paloma Lugilde, durante a presentación do Festival de Teatro Universitario de Lugo
O certame, composto por cinco representacións, arranca o xoves 22 coa estrea da obra

O Festival de Teatro Universitario do campus de Lugo celebra á súa décimo oitava edición cun programa conformado por cinco obras que se representarán entre os días 22 e 27 de marzo no auditorio Gustavo Freire da capital lucense, onde tamén se poderá visitar unha exposición que recolle o traballo desenvolvido neste tempo a través das fotografías das producións teatrais representadas.

O certame encádrase dentro da oferta do programa Lugo Cultural, no que participan a USC e o Concello e a Deputación de Lugo, e nesta edición abrangue propostas que van desde o teatro clásico ás tendencias de vangarda, pasando pola adaptación desde a novela e as obras de denuncia social, un dos temas máis presentes na oferta escénica desta edición. A entrada ás representación é gratuíta en todos os casos. Na rolda de prensa de presentación do ciclo estiveron presentes o vicerreitor de Planificación e coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; e a directora da Compañía de Teatro da USC do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, quen destacou “a boa saúde da que gozan tanto a compañía de teatro universitario lucense como este certame, que desde os seus comezos en 1993 están plenamente integrados na dinámica cultural da cidade”. Programa do certame O festival arranca o xoves 22 coa estrea da obra Na túa cara. In yer face, da Compañía de Teatro da USC en Lugo. Dirixida por Paloma Lugilde, o texto baséase na obra dramática da británica Sarah Kane e realiza unha proposta onde a violencia, a dor e a crueldade van tecendo a trama, na que unha particular Alicia realiza unha viaxe a un mundo que pouco ten que ver co país das marabillas de Lewis Carroll. O seu contido non a fai recomendable para o público menor de idade. O venres 23 a Compañía de Teatro da USC en Santiago presenta o seu último traballo, Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, unha montaxe a partir da obra de Francisco de Monteser Comedia burlesca del caballero de Olmedo (1651), que á súa vez é unha parodia da célebre El caballero de Olmedo, de Lope de Vega (1641). A peza de Monteser caricaturiza os arquetipos e situacións do teatro do Século de Ouro español nun texto de sorprendente modernidade que a compañía dirixida por Roberto Salgueiro respecta con mínimas adaptacións para permitir a súa posta en escena. O domingo 25 é a quenda de Teselas, unha proposta novidosa realizada a partir das achegas dos alumnos e alumnas das escolas de arte dramática. A idea xorde, segundo os organizadores, “como xeito de artellar vías de encontro e creación, e como foro para que estes grupos poidan presentar o seu traballo na súa cidade”. Os tres proxectos que se representan nesta cita son Yo mujer, Vacío e Negra sombra, todas elas a cargo de alumnado lucense da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. O luns 26 o auditorio Gustavo Freire acollerá Un novo mundo feliz, adaptación da coñecida novela de Aldous Huxley sobre o control dos individuos e a perda da liberdade en favor dun dubidoso ben común. A partir dunha dramaturxia de Fernando Dacosta, a posta en escena corre a cargo do grupo Mariacastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, da que Dacosta é director. A dimensión internacional do festival chega na última das citas, a do martes 27, da man da compañía polaca Theatre Nie Ma, procedente da Universidade de Szczecin. A obra, titulada The most lamentable comedy and most cruel death of Pyramus and Thisby, está inspirada na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán. O sábado 24, no que non haberá representacións, aproveitarase para que as compañías participantes desenvolvan unha xornada de convivencia e intercambio de experiencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2012.