Ir o contido principal

O XX Festival de Teatro Universitario amosa en Lugo do 1 ao 9 de abril as producións de oito compañías e outras tres intervencións

García Herradón, Basadre, Outeiro e Lugilde, na presentación do XX Festival de Teatro Universitario de Lugo
García Herradón, Basadre, Outeiro e Lugilde, na presentación do XX Festival de Teatro Universitario de Lugo
A compañía USC-Lugo abrirá o certame con dous pases de ‘Miosotis. Non me esquezas’ no auditorio ‘Gustavo Freire’, que acollerá o 6 de abril un obradoiro ao redor de Lorca

A vixésima edición do Festival de Teatro Universitario presentará do 1 ao 9 de abril no auditorio municipal Gustavo Freire da capital luguesa e no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) as producións artísticas desenvolvidas por oito compañías, ademais doutras tres intervencións, a cargo de estudantes da Real Escola de Arte Dramática de Madrid e da Escola de Arte Dramática de Asturias e da bailarina Amparo Novas, así como un estudo teatral aberto sobre a figura de García Lorca que se desenvolverá o 6 de abril.

O cartel de representacións incluídas nesta nova edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, un programa financiado conxuntamente pola USC, Deputación e Concello de Lugo, deuse a coñecer este xoves no marco dun acto celebrado no consistorio lugués, no que participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o deputado delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, e a coordinadora da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde. O programa desta nova edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo confórmase en base á creación dun espazo de intercambio de experiencias no que a compañía de teatro do campus de Lugo fará as veces de anfitrión e actuará como nexo de unión entre as distintas universidades e escolas de teatro participantes. O festival servirá ademais de escenario no que os/as estudantes que conforman os distintos grupos de teatro convidados, presenten ao público os seus traballos, sinalou Paloma Lugilde. A compañía de teatro USC-Lugo, que nesta ocasión estará formada por seis actores/actrices, abrirá este festival o día 1 de abril coa estrea da súa produción anual, ‘Miosotis. Non me esquezas’ , unha peza elaborada a partir da ‘Comedia sen título’, de Federico García Lorca, con dramaturxia e dirección de Paloma Lugilde. A compañía do campus de Lugo presentará a súa nova montaxe ás 18.30 horas no auditorio municipal Gustavo Freire, onde ese mesmo día fará un segundo pase a partir das 21.00 horas. Ao día seguinte, a compañía Teatro Normal UDC, dirixida por Rubén Ruibal, presentará no mesmo escenario, ás 2030 horas, ‘Nocturnos’, de Paco Zarzoso. A compañía de teatro USC-Santiago traerá a Lugo o 4 de abril, ‘Apnea 2ª variación, de Roberto Salgueiro, mentres que o día seguinte Teatro El Mayal, da Universidade de León, representará ‘La Patada’, de Andrés Veiel e Gesine Schmidt. Do mesmo xeito que o pasado ano, o XX Festival de Teatro Universitario de Lugo dedica un día da súa programación, neste caso o domingo, 6 de abril, á presentación de pequenos traballos/proxectos protagonizados por mozos e mozas de Galicia que estudan arte dramática en escolas como a Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid ou a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias, así como pola coreógrafa e bailarina Amparo Novas. O 6 de abril tamén está previsto desenvolver en quenda de tarde, de 16.00 a 18.00 horas, un estudo teatral aberto sobre a figura de García Lorca. Asemade, a compañía Malaestirpe Teatro Universitario de Toledo, presentará a montaxe ‘Calígula’, baseada na obra de Albert Camus e dirixida por Alberto Álvarez. A aula de teatro universitaria de Ourense ‘Mariacastaña’ presentará o 7 de abril en Lugo a peza ‘Café Liberdade’, de Fernando Acosta. Ao día seguinte, a compañía madrileña José Estruch representará ‘Fuenteovejuna’, de Lope de Vega. A creación colectiva ‘Aparato’, na que interveñen alumnos de curto curso de Interpretación Xestual da Real Escola de Arte Dramática de Madrid botará o pano a esta edición do festival de teatro universitario. A entrada para as distintas representacións teatrais programadas no marco deste festival de teatro universitario no auditorio Gustavo Freire e no Museo Interactivo da Historia de Lugo será libre e de balde para todo o público interesado ata completar aforo, que nalgunhas sesións estará limitado a 90 ou 120 persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2014.