Ir o contido principal

O XX Maratón Fotográfico do Campus arranca este martes na Casa do Saber de Lugo

O XX Maratón Fotográfico do Campus, un certame organizado pola Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural e que repartirá 750 euros en metálico ademais de trofeos para os autores das dúas fotografías que resulten premiadas, desenvolverase este martes, a partir das 10.00 horas, cando están citados todos os/as participantes na Casa do Saber de Lugo.

A técnico especialista en actividades culturais no campus de Lugo, Carmen Xove, e o fotógrafo do Grupo Fonmiñá e coordinador do Espazo de Fotografía do campus lugués, Eduardo Ochoa, recibirán os participantes na Casa do Saber, onde tamén lles darán a coñecer o tema proposto polo xurado nesta edición do maratón, ademais de entregar o material preciso para a elaboración e entrega dos traballos. Unha vez rematada esta sesión de benvida, as persoas inscritas como participantes neste concurso fotográfico disporán dun prazo de 24 horas para facer as fotografías que decidan presentar a concurso, tanto aquelas relacionadas co tema proposto polo xurado como as de temática libre. O prazo para a presentación das propostas fotográficas rematará ás 14.00 horas do mércores, día 23 de setembro. As fotografías (carretes no caso da modalidade analóxica ou un CD coas imaxes gravadas, no caso da modalidade dixital) deben entregarse nas dependencias da Área de Cultura da USC en Lugo, sitas na sede da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.09.2014.