Ir o contido principal

O XX Maratón Fotográfico do Campus convida a tomar olladas ‘diversas’ de Lugo

Participantes no XX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Participantes no XX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
As máis de 60 persoas inscritas neste concurso deberán presentar as súas propostas antes das 14.00 horas do día 1 de outubro na Área de Cultura da USC en Lugo

A vixésima edición do Maratón Fotográfico do Campus convida ás máis de 60 persoas inscritas neste certame artístico, promovido pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, a tomar olladas ‘ diversas’ da capital luguesa, segundo acordou a organización deste concurso, que aproveitou a recepción brindada aos participantes na Casa do Saber para darlles a coñecer o tema proposto para esta edición do maratón, na que tamén se mantén a categoría de temática libre.

O coordinador da Aula de Fotografía do campus e integrante do Grupo Fotocinematrográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, que, a xeito de voceiro do xurado, adiantou esta mañá aos participantes a temática escollida, ademais de lembrarlles que o prazo de presentación das imaxes para o concurso remata o mércores, día 1 de outubro, ás 14.00 horas, animou á comitiva presente de afeccionados á fotografía a “dar renda solta á súa creatividade” en aras a acadar un resultados “orixinais, vistosos e de calidade”. “Baixo o tema ‘Lugo diverso’ cabe todo”, dice Ochoa, ao tempo que engade que a proposta feita pola organización do XX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo busca fomentar a creatividade sen fixar ningún tipo de fronteiras de temas ou espazos. Deste xeito, a barreira temporal, establecida en pouco máis de 24 horas, que son as que transcorren desde a entrega de material aos participantes ata o prazo máximo de recepción dos traballos, antóllase como o único obstáculo ou norma de obrigado cumprimento. Do mesmo xeito que en anteriores edicións o XX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo mantén tamén nesta convocatoria dúas modalidades de participación: fotografía dixital, que volveu ser a opción escollida pola maioría das persoas participantes, e analóxica, unha modalidade pola que optaron tres persoas. Premios e diplomas Os organizadores do XX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 750 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema proposto recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 450 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 300 euros, diploma e trofeo. Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XX Maratón Fotográfico do Campus, unha cita que este ano volveu mostra o seu poder de convocatoria. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso (unha por tema e participante), tanto entre as galardoadas como as non premiadas, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público no marco dunha exposición colectiva, cuxa inauguración coincidirá co acto de entrega dos premios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2014.