Ir o contido principal

O XXI Festival de Teatro Universitario trae a Lugo do 16 ao 20 de abril catro montaxes e outros micro proxectos de artistas galegos

Lugilde, Outeiro, Basadre, Silva e Salgueiro, na presentación do XXI Festival de Teatro Universitario
Lugilde, Outeiro, Basadre, Silva e Salgueiro, na presentación do XXI Festival de Teatro Universitario
Unha versión do libreto musical de Sondehim, a cargo da compañía USC-Santiago, abre unha nova edición dun certame no que se dará visibilidade a diversas producións locais

A representación da obra ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da Rúa Fleet’, unha versión do libreto musical de Sondehim feita Roberto Salgueiro, a cargo da compañía USC-Santiago abrirá o vindeiro 16 de abril a vixésima primeira edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame que presentará catro montaxes e outros tantos microproxectos de arte dramática de artistas galegos do 16 ao 20 de abril no auditorio Gustavo Freire.

A visibilidade de novas producións realizadas e representadas por formacións e artistas locais, así como a celebración o venres 17 dunha sesión de ensaios abertos cos integrantes da compañía teatral USC-Lugo constitúen dúas das novidades máis salientables desta nova edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame incluído na programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, financiado conxuntamente por USC, Concello de Lugo e Deputación de Lugo, e que contará un ano máis coa presenza da Aula de Teatro de Ourense ‘Maricastaña’. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, e a coordinadora da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, presentaron este mércores no salón de plenos do Concello de Lugo a programación dun festival de teatro universitario que desenvolverá todas as súas representacións no auditorio municipal Gustavo Freire da capital luguesa. A entrada será libre e gratuíta para todas as funcións, que se representarán en quenda de tarde. O Festival de Teatro Universitario de Lugo, que este ano acada a súa vixésima primeira edición, é un dos certames de teatro máis lonxevos, cando no o máis antigo de todos cantos se celebran no panorama universitario español, segundo lembrou o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, quen tamén fixo fincapé no cometido pedagóxico e didáctico da arte dramática nos contextos universitarios. Programa A compañía de teatro USC-Compostela encetará o xoves 16 de abril o XXI Festival de Teatro Universitario de Lugo coa posta en escena de ‘Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da Rúa Fleet’, unha versión do libreto musical de Sondehim feita Roberto Salgueiro, quen tamén leva a dirección desta formación teatral compostelá. A representación desta obra, que ten unha duración aproximada de 90 minutos, comezará ás 20.30 horas. Ao día seguinte desta primeira entrega teatral, na que ademais do elenco de actores e actrices da compañía USC-Santiago tamén ten unha destacada participación a Orquestra de Cámara da USC, o público lugués terá a oportunidade de seguir ao vivo os ensaios abertos que celebrará a compañía de teatro USC-Lugo no seu proceso de montaxe no auditorio Gustavo Freire, o escenario no que esta formación dirixida por Paloma Lugilde representará o domingo 19 a obra ‘Lear. De nada nada sae’, unha dramaturxia da propia Paloma Lugilde a partir do texto orixinal de ‘Rei Lear’, de Schakespeare. A compañía USC-Lugo volverá a celebrar o sábado 18, a partir das 21.00 horas, unha nova sesión de ensaio aberta ao público. A estrea da nova produción na que está a traballar a compañía de teatro USC-Lugo desenvolverase a partir das 21.00 horas no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que o grupo de teatro Krilajo, unha compañía independente xurdida da USC-Lugo e dirixida por José María Tubío Sánchez, representará, a partir das 19.00 horas, a creación colectiva ‘Estás aí?’. O festival de teatro universitario dedicará a programación da xornada do sábado á presentación de micro proxectos de artistas galegos en formación. Así, baixo o epígrafe de Teselas, Clara Vior e Carlos Barea, do madrileño Estudio Corazza para el Actor, presentarán ‘Como saltar a escena’. A tamén luguesa Alba Fernández López, quen na actualidade está a ampliar a súa formación na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Estremadura, representará a peza ‘Un ménage à solas’. Ao seu remate, Ángela Beltrán, da Real Escola de Arte Dramática (Resad) de Madrid, levará a escea ‘Aguja e hilo’. A compañía de teatro da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, Tik Teatro, dirixida por Laura G. Recio, pechará a sección ‘Teselas’ do festival coa representación de ‘Gran oferta promocional’. A compañía de teatro do campus de Ourense Maricastaña será a encargada de botar o pano ao XXI Festival de Teatro Universitario de Lugo o luns 20 de abril coa presentación, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire, da montaxe ‘III’, unha dramaturxia de Fernando Dacosta a partir da obra orixinal Ricardo III, de Shakespeare.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2015.