Ir o contido principal

O XXI Premio Aresa coñecerá gañador o 22 de marzo nunha sesión virtual

Cartaz do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
Cartaz do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa son as catro candidaturas finalista que optan ao galardón convocado pola USC e Aresa e dotado con 10.000 euros en metálico. A cerimonia poderá seguirse a través do Facebook de Aresa
Lugo

O xurado do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola USC e o grupo Aresa, fará público o seu fallo o 22 de marzo nunha sesión virtual que se poderá seguir, a  partir das  12.00 horas, na páxina de Facebook de Aresa, no marco da que as catro candidaturas finalistas: EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, farán unha exposición de méritos e actividades.

O reitor da USC, Antonio López, actuará como presidente do tribunal encargado de fallar este galardón, dotado cun premio en metálico de 10.000 euros e placa conmemorativa. O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, completan a composición do xurado.

O tribunal encargado de avaliar as candidaturas finalistas nunha edición do Premio Area condicionada pola COVID-19 valorará con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, así como aquelas que crearan un novo proxecto ou axudasen a outros. Estes méritos sumaranse aos que xa figuran no ADN do Premio Aresa, cuxa finalidade é a de recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, xerando postos de traballo de calidade no rural, poñendo en valor os produtos da terra, recuperando subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e buscando innovar en produtos e métodos produtivos.

Méritos dos finalistas

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.

Arnigal Cultivos nace da innovación en varias áreas para manter unha produción de Arnica montana constante e necesaria para a súa explotación comercial, pois unha parte importante da flor de árnica utilizada pola industria farmacéutica e cosmética provén da recollida en Galicia. Comezou a súa actividade en febreiro de 2020 coa comercialización dunha gama de tres produtos e coa aposta pola sostibilidade mediante o cultivo ecolóxico, así como a utilización de solventes e tecnoloxías verdes de extracción e a xestión e reutilización de residuos.

A Cooperativa A Carqueixa, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

O proxecto ‘Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa’, presentado por Pablo Sánchez Quinteiro, pretende aportar a experiencia dos membros do grupo de Neuroanatomía do departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da USC no estudo da comunicación química dos mamíferos para o desenvolvemento dunha estratexia de control para este tipo de praga baseándose na utilización de sinais químicos producidos pola propia rata toupa (feromonas) e polos seus depredadores, fundamentalmente o raposo (cairomonas), nas zonas afectadas.

Palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018) e Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, Asoporcel (2019).

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2021.