Ir o contido principal

O XXIII Premio Aresa distingue a Casa Grande de Xanceda

Carmen Lence, Francisco Fraga, Carlota López e Marius Rubiralta, trala reunión do xurado do Premio Aresa
Carmen Lence, Francisco Fraga, Carlota López e Marius Rubiralta, trala reunión do xurado do Premio Aresa
A produción en ecolóxico, a promoción do turismo sustentable, a pegada feminina e a aposta polo emprendemento no medio rural son algúns dos eixos valorados no ditado do xurado do galardón creado pola USC e Aresa. A cerimonia de entrega do premio, dotado con 10.000 euros e placa conmemorativa, desenvolverase o 10 de marzo, a partir das 20.00 horas, na Facultade de Veterinaria do Campus Terra
Lugo

A candidatura presentada por Casa Grande de Xanceda resultou a gañadora do XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer este martes no lugués Pazo de Montenegroo xurado encargado de emitir o ditame dun galardón que recibiu na presente edición “17 candidaturas innovadoras e de máxima calidade nesta edición”, segundo remarcou a vicepresidenta de Aresa, Carlota López, logo dunha “intensa e interesantísima deliberación do tribunal”. A cermionia de entrega do XXIII Premio Aresa, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa conxuntamente coa USC e dotado cunha gratificación en metálico de 10.000 euros, ademais de placa conmemorativa, desenvolverase o 10 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, foi o encargado de facer pública a decisión do xurado, do que tamén formou parte xunto coa vicepresidenta de Aresa, a CEO de Leche Río, Carmen Lence; o catedrático da Universidade de Barcelona e presidente da Comisión Científica do Campus Terra, Marius Rubiralta, e o propio reitor da USC, Antonio López, quen participou de xeito telemático. Dacordo coas premisas establecidas nas bases da convocatoria do XXIII Premio Aresa, o xurado valorou con especial atención as iniciativas e proxectos que contribúen a favorecer o desenvolvemento socioeconómico do medio rural, ao tempo que melloran a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven nel, segundo subliñou a vicepresidenta de Aresa.

O sistema de produción en ecolóxico que rexe a actividade de Casa Grande de Xanceda, a promoción do turismo sustentable dunha empresa recibe 7.000 visitas ao ano, a marcada impronta feminina dunha granxa familiar que conta con máis de medio século de historia logo de que unha neta dos primeiros propietarios apostara pola súa recuperación, e o importante labor de difusión do medio rural como enclave de asentamento de iniciativas empresarial a través das redes sociais, constitúen algúns dos aspectos da candidatura máis valoradados polo xurado. 

A CEO de Leite Río, Carmen Lence, precisou asemade que Casa Grande de Xanceda ofrece respostas a dous dos grandes desafíos aos que se enfronta o medio rural de Galicia, tal e como son a súa progresiva masculinización, dado que dúas de cade tres persoas que abandonan o medio rural son mulleres, e a falta de relevo xeneracional nun sector, cuxa media de idade dos traballadores supera os 50 anos, dixo. Carmen Lence tamén puxo en valor na súa intervención outras dúas candidaturas con liderado feminino que concorreron á presente edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, como son Traloagro e Lugar da Veiga.

Alén de salientar o elevado grado de calidade das 17 candidaturas presentadas, Marius Rubiralta tamén puxo o foco na aposta pola innovación que sitentizan a Asociación Apícola de Galicia, CampoLab e o seu labor a prol da valorización da castaña, e Galinsect, unha empresa radicada en Pontevedra á que augurou un prometedor futuro nun sector aínda embrionario en España como é o aproveitamento do alto contido proteico dos insectos. A estas tres propostas, Rubiralta sumou tamén o interese do proxecto de investigación da estratexia de loita contra a rata toupa a través do uso de feromonas, liderado polo profesor da Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinterio.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, animou a todas a candidaturas participantes nesta edición do Premio Aresa a volver concorrer en próximas edicións, dado que as súas actividades permiten achegar solucións para a posta en valor do medio rural e serven para atallar unha das súas grandes problemáticas, tal e como é o despoboamento. Fraga tamén convidou aos tecido empresarial ligado ao sector primario a achegarse á USC e especialmente o seu Campus Terra, que ten capacidade para prestar axuda e incluso achegar solucións xa a través do seu I+D+i xa coas plataformas tecnolóxicas como son Pemade ou a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias.

Carmen Lence, Francisco Fraga, Carlota López e Marius Rubiralta, trala reunión do xurado do Premio Aresa
Carmen Lence, Francisco Fraga, Carlota López e Marius Rubiralta, trala reunión do xurado do Premio Aresa
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2023.