Os XXIV Xogos Galaico Durienses inclúen por vez primeira xogos tradicionais
As representacións deportivas das tres universidades galegas e as do norte de Portugal (Porto, Minho e Trás os Montes e Alto Douro) compiten cada ano nos Xogos Galaico Durienses, que nesta vixésimo cuarta edición lle corresponde organizar á USC. Os detalles do encontro presentáronos este martes no Colexio de Fonseca a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o director da área de Deportes da USC, Mariano García-Verdugo.
O campionato reunirá os días 24 e 26 de novembro en Compostela a 330 participantes -55 por Universidade- nos máis variados deportes, onde se privilexia a convivencia e a práctica de modalidades de carácter mixto.
Por vez primeira este ano inclúense os xogos tradicionais de billarda, chave e bolas celtas, que se sumarán ao baloncesto mixto, balonmán mixto, voleibol mixto, tiro con arco, duatlón (natación e carreira pedestre), tenis de mesa mixto e xadrez.
A competición propiamente dita dará comezo na tarde do martes 24 e rematará ás 13:00 horas do xoves 26 coa entrega de premios. Aos espazos universitarios como o pavillón, o campo de fútbol, a piscina, o estadio de atletismo e a sala de usos múltiples da Residencia Monte da Condesa hai que sumarlle o Pavillón de Santa Isabel que o Concello compostelán lle cede á organización para desenvolver nel algúns partidos de balonmán.
Xogos tradicionaisA USC incorpora este ano por vez primeira no campionato tres xogos tradicionais, para os que o martes 24 haberá unha xornada previa de aprendizaxe.
Estornela ou billarda son as denominacións dun dos xogos máis coñecidos e populares de Galicia que consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán) a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire o máis lonxe posible.
A chave ou xogo da chave é un xogo popular galego no que se lanzan uns discos redondos e planos -denominados peletres, pellos, pellas ou pesos- sobre unha peza metálica –chave- colocada a 14,20 metros. O obxectivo é petar cos pellos na chave o maior número de veces.
Por último, os bolos celtas, que consisten nun pasa-bolo, é dicir, lanzamento dunha bola contra uns bolos que están a una distancia determinada. Este deporte practícase en Ribeira, Ribeira Sacra, Viana do Bolo, O Bolo, A Veiga, A Gonza, Quintela, Punxeito, A Chaira e Baños, e con gran intensidade no Valmiñor.