O XXVI Maratón Fotográfico revela os ‘refuxios’ individuais

O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo pescuda nos ‘refuxios’ dos afeccionados á fotografía que tomaron parte na vixésima sexta edición deste certame artístico, unha iniciativa promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación de Lugo, e cuxos organizadores convidaron ás 39 persoas participantes a enfocar os obxectivos das súas cámaras cara ‘o teu refuxio’, que foi o tema proposto polo xurado encargado de fallar unha convocatoria que repartirá 900 euros en premios aos autores/as das tres imaxes máis valoradas.
O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización e Cultura, Jesús Varela Zapata; o representante do grupo cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, e a encargada da Área de Cultura da USC na sede universitaria luguesa, Paloma Lugilde, foron os encargados de dar a benvida ás persoas inscritas nesta convocatoria do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo nunha sesión virtual durante a que tamén se informou das pautas que debían cumprir as imaxes presentadas a concurso, así como da data do fallo do xurado, unha resolución que se fará pública o 10 de decembro na Biblioteca Provincial de Lugo, na sesión inaugural da Mostra Fotográfica do Maratón. Esta exposición, da que formarán parte as 20 fotografías máis valoradas polo xurado, permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro.
Premios
A cerimonia de entrega dos premios do XXVI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo celebrarase conxuntamente coa apertura da mostra, nun breve acto no que tamén se entregará un diploma acreditativo a todo o público que tomou parte nesta xa consolidada convocatoria artística.
O XXVI Maratón Fotográfico do Campus contempla tres galardóns para as imaxes máis valoradas polo xurado, que outorgará o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, á mellor fotografía desta edición do certame. O Premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía do tema proposto pola organización, mentres que a imaxe máis valorada polo xurado das presentadas na modalidade de tema libre recibirá unha gratificación en metálico de 250 euros, ademais de trofeo e diploma.