Ir o contido principal

As XXVI Xornadas Latinoamericanas de Dereito Tributario reúnen en Santiago a máis de 400 expertos internacionais neste ámbito

O encontro celebrarase entre os días 3 e 7 de setembro no Palacio de Congresos e Exposicións da capital galega

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela será a sede das XXVI Xornadas Latinoamericanas de Dereito Tributario, que se desenvolverán entre os días 3 e 7 de setembro próximo e que reunirán na capital galega a máis de 400 expertos internacionais nesta área do dereito. A organización do encontro corresponde ao Instituto Latinoamericano de Dereito Tributario (ILADT), do que é presidente o catedrático de Derecho Financiero e Tributario da USC, César García Novoa. O acto de inauguración, que terá lugar luns día 3 ás 9.30 horas, estará presidido polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Nesta vexésimo sexta edición das xornadas, os dous aspectos principais nos que se centrará o programa serán a aplicación e interpretación dos convenios de dobre imposición e a tributación de intanxibles. Sobre estes dous temas versarán os dous relatorios xerais que abrirán as sesións dos días 3 e 4, a cargo de Fernando Serrano Antón (profesor da Universidade Complutense de Madrid) e Heleno Taveira Torres (da Universidadedo Estado de São Paulo, en Brasil), respectivamente. Nestas dúas primeiras xornadas, logo dos relatorios de apertura, o resto do programa estrutúrase a partir de intervencións de relatores nacionais e de comunicacións técnicas a cargo de expertos procedentes de España, Portugal, Italia, Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Paraguay, Perú, Uruguai e Venezuela, ata un total de máis de 70 relatorios. O mércores 5 haberá un receso nas xornadas para a realización dunha excursión polas Rías Baixas, e o xoves 6 a actividade reanúdase cunha sesión conformada a partir de seminarios sobre aspectos como as garantías do contribuínte ante a Administración tributaria, a seguridade xurídica na creación e aplicación de tributos, a tributación das telecomunicacións, a tributación das operacións de entidades financeiras, a tributación e o medio ambiente ou a tributación das persoas desprazadas e dos servizos transfronteirizos. A xornada final do venres 7 resérvase para a reunión dos diferentes comités e a elaboración de conclusións, ademais da celebración da asemblea xeral da ILADT e a presentación do modelo de convenio de dobre imposición proposto por este organismo, sobre o que tamén estará centrado o derradeiro seminario do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.08.2012.