Ir o contido principal

As XXVII Xornadas Penitenciarias Lucenses abordan as respostas social e legal á corrupción e a delincuencia económica

Unha táboa redonda sobre percepción e denuncia social da corrupción abre o martes 17 o foro na Deputación de Lugo

As XXVII Xornadas Penais Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo que preside Marina Cillero e das que é coordinador Victor Fraga, abordarán o martes 17 e o mércores 18 deste mes de setembro, no salón de actos da Deputación de Lugo, as respostas social e legal á corrupción e á delincuencia económica.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará este foro de debate, o día 17, a partir das 18.00 horas, no transcurso dun acto no que se procederá á entrega das medallas Concepción Arenal. A continuación terá lugar unha táboa redonda baixo o título ‘Percepción e denuncia social da corrupción’. O director do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Luís Celeiro Álvarez, será o encargado de moderar este debate, no que intervirán como relatores os xornalistas Xulio Álvarez Fariñas, de La Voz de Galicia, e Miguel Olarte, de El Progreso, ademais do inspector de Policía José Eladio Pariente Ojea. O relatorio de clausura destas xornadas correrá a cargo de José Luis López Novo, xefe do Servizo de Intervención e Control de Centros da Administración Penitenciaria, que falará sobre a resposta específica do ordenamento penal fronte ao crime organizado. A intervención de López Novo, quen será presentado por Óscar Rancaño, funcionario do Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas, dará pé a un posterior coloquio. Ao remate, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, pechará as xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2013.