O XXVIII Maratón Fotográfico do Campus xira os focos cara a cidade e lembra a figura e a pegada de Rof Codina

O XXVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha das citas máis consolidadas da programación organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, xirou os focos da súa última edición cara a cidade, ao tempo que convidou ás máis de 30 persoas que tomaron parte neste certame artístico a reflectir a figura e a pegada de Juan Rof Codina, co gallo do seu nomeamento como Científico Galego do Ano 2022.11.7
O certame fotográfico, aberto a todas as persoas afeccionadas á fotografía e dotado con 900 euros en premios para os participantes galardoados cos premios Carlos Valcárcel, que distingue a mellor imaxe presentada a concurso; Eduardo Ochoa, galardón que recoñece a mellor fotografía sobre a capital luguesa, que centrou a temática proposta pola organización, e un terceiro recoñecemento, tamén con gratificación económica, trofeo e diploma, para a mellor creación de temática libre. A elaboración dun calendario con 12 das imaxes presentadas a concurso e a apertura, prevista para o 21 de novembro na Biblioteca Intercentros, dun exposición composta por 20 imaxes que logo viaxarán á Biblioteca Provincial Lugo, completarán o percorrido do XXVIII Maratón Fotográfico do Campus.
O integrante do Grupo Cinematográfico Fonmiñá e coordinador desta convocatoria artística, Eduardo Ochoa, acompañado da encargada da Área de Cultura da USC en Lugo, Paloma Lugilde, convocaron este domingo na Casa do Saber os 32 participantes inscritos. Fotógrafos afeccionados que gozaron dun período de 24 horas para captar e presentar unhas instantáneas que serán sometidas este xoves ao criterio do xurado.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, o coordinador do XXVIII Maratón Fotográfico do Campus, Eduardo Ochoa; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, e as directoras da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, e da Biblioteca Provincial de Lugo, Isabel Pérez Fórneas, formarán parte do tribunal encargado de fallar os premios, ao que tamén podería incorporarse unha neta do xa finado Carlos Valcárcel.