Ir o contido principal

Yuzz Santiago premia cun viaxe a Silicon Valley o proxecto Pyrkaia Firing System, un software para deseñar eventos de fogos artificiais

Yuzz Santiago premia cun viaxe a Silicon Valley o proxecto Pyrkaia Firing System, un software para deseñar eventos de fogos artificiais
Yuzz Santiago premia cun viaxe a Silicon Valley o proxecto Pyrkaia Firing System, un software para deseñar eventos de fogos artificiais
O programa YUZZ diríxeo CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia

O emprendedor David Sánchez viaxará coa iniciativa Yuzz a Sillicon Valley ao ser elixido o seu proxecto Pyrkaia Firing System, de creación, deseño e xestión de espectáculos de pirotecnia, como o mellor do centro YUZZ Santiago de Compostela, no que traballaron durante cinco meses 25 emprendedores –seleccionados de entre máis de 70 solicitantes– para converter as súas ideas empresariais en proxectos.

Pyrkaia ofrece solucións tecnolóxicas orientadas ao sector de eventos pirotécnicos. O principal produto consiste nun programa informático de simulación dun espectáculo de música e pirotecnia cun software que permite deseñar e sincronizar miles de efectos pirotécnicos cunha interfaz sinxela e clara. Usando as últimas técnicas de modelado 3D e realidade virtual pódese previsualizar o espectáculo sen necesidade de probalo, o que permitirá ás empresas de pirotecnia conseguir un aforro en custes de ata un 70 %.

Os gañadores da sétima edición do programa Yuzz que dirixe CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia, déronse a coñecer este mércores no Paraninfo da Universidade. A entrega estivo presidida polo adxunto a reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manuel Cotos, e nela participaron ademais o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón; o xerente de Institucións de Banco Santander, José Manuel Guinarte; a coordinadora do Centro Yuzz Santiago, Elena Pernas; e o representante da delegación de SECOT (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) en A Coruña, Hilario de Pablos.

O Centro Yuzz Santiago conta así nesta convocatoria con dous participantes gañadores da viaxe a Silicon Valley, xa que Andrea Aguilella conseguiu ser elixida co seu proxecto Enelatril ao gañar o concurso ‘Este é o meu pitch’ do YuzzDay celebrado o pasado maio en Santander.

Dous premios adicionais e finalistas
Logo da exposición pública dos proxectos en xuño, o xurado decidiu seleccionar tamén Sadvia, unha axencia de asesoría científica creada polas emprendedoras Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva, como finalista de Santiago para o premio YUZZ Mujer patrocinado pola Fundación EY dotado con 20.000 euros.

Pola súa banda, a startup e4Legal para desenvolver un entorno legal 4.0 que inclúe asesoramento financeiro impulsada por Antonio Padín resultou finalista para YUZZ Fintech e poderá optar a catro meses de aceleración da idea nos espazos de innovación da Cidade Grupo Santander.

Gallatbox, seleccionado como segundo finalista del Centro Yuzz Santiago, está promovido por Aitor Garcia Solla e consiste no desenvolvemento dunha solución hardware dun módulo acoplable aos portátiles para optimizar a súa potencia gráfica. O terceiro finalista local é MeetLab, co que os emprendedores Raquel Lama e Ramón Maceiras van desenvolver unha tenda en liña de servizos de biotecnoloxía. Ambos os dous disporán de 6 meses de incubación virtual gratis na incubadora de empresas da USC Uninova.

Silicon Valley
David Sánchez obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto outros 48 gañadores de toda España seleccionados como os máis brillantes da actual edición de YUZZ e que tamén poderán optar aos premios nacionais, dotados con 30.000, 20.000 e 10.000 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente.

A viaxe inclúe visitas a empresas como Google, LinkedIn ou Facebook e conferencias en universidades como Berkeley ou Standford. Coñecerán tamén o Spain Tech Center (STC) -impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es-, cuxa meta é facilitar a implantación de pemes de base tecnolóxica española nun das contornas máis dinámicas e competitivas do mundo. Xa en España, os 49 mozos e mozas participarán na Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte na final de YUZZ 2016.

Un trampolín para ideas innovadoras
El proxecto YUZZ comezou en 2009 con dous centros, en Barcelona e Madrid, como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Desde entón alcanzou xa os 48 Centros YUZZ en España, con máis de 1.000 participantes por edición, nos que se ofrece de forma gratuíta formación e acompañamento durante cinco meses a persoas de entre 18 e 31 anos para que poidan desenvolver os seus propios proxectos. Nas súas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas, e na de 2016 participaron 1.000 emprendedores con 810 proxectos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2016.