O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela organiza anualmente dende 1997 (salvo nos anos 2021 e 2022, debido á pandemia) o Programa de Extensión Cultural de AStronomía (PECAS), dirixido ós membros da comunidade universitaria e ó público xeral, co apoio económico da VICERREITORÍA DE ESTUDANTES E CULTURA, o que permite que polo momento o curso sexa GRATUITO para todos os membros da comunidade universitaria. O propósito do curso é dar a coñecer o mundo da Astronomía, así como as funcións do Observatorio, fundamentalmente a aquelas persoas que non teñen un contacto directo coa ensinanza oficial desta disciplina. As actividades propostas son as seguintes (máis detallado no Programa): - Sesións sobre o uso do planisferio. - Diversas sesións de observación nocturna e diurna onde se establecen os principios básicos da observación astronómica, tanto a simple vista como con prismáticos ou telescopio, de tal xeito que os asistentes adquiran a preparación e experiencia necesarias para que poidan realizar observacións pola súa conta. - Charlas teóricas sobre asuntos astronómicos xerais para complementar as de carácter práctico, onde poder explicar os conceptos e temas tratados nas sesións de observación. Aqueles que sigan con aproveitamento o PECAS poden convalidar 1 crédito de libre configuración (tódalas licenciaturas e diplomaturas) ou un crédito ECTS (todos os graos). |