No mundo de hoxe cada vez é máis evidente a necesidade de desenvolverse en varios idiomas, o que require, por suposto, unha boa competencia nas dúas linguas oficiais. Ademais, no mundo da Xustiza e da Administración os profesionais deben estar capacitados/as para satisfaceren os dereitos lingüísticos da cidadanía e para cumpriren os deberes das diversas administracións (autónoma, local, xustiza...). Debemos ser conscientes do valor de mercado que supón manexarse ben en calquera das linguas oficiais, así como noutras linguas, no exercicio privado.

Por razóns ben coñecidas, a lingua galega estivo afastada do ámbito do Dereito. Lévanse feito esforzos importantes a nivel individual e tamén por parte de asociacións, mais a situación segue sen ser satisfactoria. A Facultade de Dereito da USC non é allea a estas dificultades; o uso do galego na súa docencia, malia medrar nos últimos anos paseniñamente, segue sendo insuficiente para asegurar unha boa competencia nunha das dúas linguas oficiais ao remate dos estudos. Por iso a Xunta de Facultade de Dereito da USC aprobou, a proposta da súa propia Comisión de Normalización Lingüística, un plan para levar o uso do galego na docencia ata o 25% das horas de clase en tres cursos académicos.

Para acadar este obxectivo a USC pon ao seu dispor apoio técnico, formación e incentivos; mais son a boa vontade e o compromiso do persoal docente do centro, así como a boa acollida do alumnado, os elementos de éxito deste Plan.

O plan ao completo en formato PDF

Para informáreste sobre calquera aspecto do Plan ponte en contacto coa Comisión de Normalización Lingüística de Dereito ou co Servizo de Normalización Lingüística.