Skip to main content

O grupo ChromChem da USC organiza na USC a segunda reunión do proxecto NOR-WATER

NOR-WATER identifica contaminantes emerxentes e as súas fontes de emisión nas bacías hidrográficas do norte de Portugal e Galicia e o desenvolvemento de novas ferramentas multidisciplinares para mitigar o impacto dos mesmos nas masas de auga
Santiago de Compostela

A segunda reunión de coordinación do proxecto NOR-WATER ‘Contaminantes emerxentes nas augas de Galicia e norte de Portugal: novas ferramentas para a xestión de riscos’ celebrarase na USC este xoves 12 e o venres 13. O proxecto NOR-WATER finánciase con fondos europeos dentro do Programa de Cooperación INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Os obxectivos principais deste proxecto son a identificación de contaminantes emerxentes e as súas fontes de emisión nas bacías hidrográficas do norte de Portugal e Galicia e o desenvolvemento de novas ferramentas multidisciplinares para mitigar o impacto dos mesmos nas masas de auga.

O grupo de investigación de Cromatografía e Quimiometría (ChromChem) adscrito ao Departamento de Química Analítica e ao Instituto de Investigación e Análises Alimentarias - IIAA (actualmente en proceso de reformulación en Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas, IAQBUS) coordina varias das actividades incluídas no proxecto no cal participan por parte da USC José Benito Quintana, Rosario Rodil e Rosa Montes. Nesta ocasión, o grupo ChromChem organiza a reunión na que participarán todos os socios do proxecto, nos que se inclúe a Universidade de Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar), a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), a Agência Portuguesa do Ambiente, o Aquamuseu do Municipio de Vilanova de Cerveira, o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental (CMIA) e a asociación naturalista Baixo Miño ANABAM. Ademais, tamén participarán como membros do consello consultivo do proxecto, Augas de Galicia, Augas do Norte, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Dirección Xeral de Saúde Pública e as empresas EFACEC e Águas do Norte.

A primeira reunión do proxecto celebrouse en xullo no Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) en Matosinhos (Portugal) onde se trazaron as principais liñas de traballo e colaboración. Ata o momento xa se elaborou unha lista preliminar de ao redor dun milleiro de contaminantes emerxentes candidatos para o estudo, así como a estratexia de priorización dos mesmos recollendo criterios utilizados a nivel europeo. Paralelamente, elaborouse un mapeado de posibles puntos de mostraxe tendo en conta fontes de emisión de diferente natureza clasificadas seguindo o “manual para a identificación das presións e análise do impacto en augas superficiais” (IMPRESS) do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Con esta información, planificarase unha campaña de mostraxe e análise que servirá para a detección de todos estes contaminantes priorizados nas augas da zona obxecto de estudo.

Por outra banda, estase a traballar no desenvolvemento de membranas foto- e electrocatalíticas para a súa utilización no tratamento de augas contaminadas coa finalidade de eliminar ou reducir a concentración dos contaminantes presentes e de métodoloxías analíticas para a determinación dos contaminantes, así como da súa relevancia ecotoxicolócixa.

Finalmente, o proxecto NOR-WATER tamén ten por obxectivo a transferencia dos coñecementos xerados ás institucións científicas e ás entidades con competencias na xestión de augas superficiais, interiores ou costeiras, ás estacións de depuración de augas residuais (EDAR) e empresas tecnolóxicas que operen na área de execución do proxecto para que poidan incorporar esta información nas súas estratexias de monitorización, control e tratamento da auga. Neste sentido, o proxecto foi presentado este mesmo martes día 10 na ‘Xornada Retos Tecnolóxicos para a detección e eliminación de microplásticos e contaminantes emerxentes’ que organizou a Plataforma Tecnolóxica PROTECMA en Vigo.

 

The contents of this page were updated on 12.11.2019.