Skip to main content

O grupo BioFarma impulsa unha xornada para establecer sinerxías no descubrimento temperán de fármacos

O encontro permite escoitar de primeira man as visións doutros países, as iniciativas europeas e da industria, á vez que identifica as oportunidades e expón accións conxuntas de forma eficiente
O encontro permite escoitar de primeira man as visións doutros países, as iniciativas europeas e da industria, á vez que identifica as oportunidades e expón accións conxuntas de forma eficiente
Hubs, redes colaborativas e consorcios analizan este martes novas oportunidades e estratexias para o desenvolvemento deste sector chave no impulso da biotecnoloxía
Santiago de Compostela

Redes colaborativas, consorcios e  hubs de referencia internacional, dedicados ao descubrimento temperán de fármacos, analizan este martes en Santiago de Compostela novas oportunidades e estratexias para o desenvolvemento deste sector chave no impulso da biotecnoloxía. O grupo  BioFarma da USC organiza este encontro en calidade de  nodo coordinador das redes. 

“O obxectivo da xornada é a reflexión conxunta para manter e mellorar a colaboración eficiente dos investigadores españois entre si, cos doutros países europeos e nas estruturas supranacionais”, apunta Mabel Loza, coordinadora do grupo BioFarma. O encontro permite escoitar de primeira man as visións doutros países, as iniciativas europeas e da industria, á vez que identifica as oportunidades e expón accións conxuntas de forma eficiente.

Neste senso, a  Rede Galega de I+D de Medicamentos REGID, participante no foro, pretende xerar sinerxías e unha masa crítica que permita a transferencia do alto nivel de investigación biomédica en Galicia. Regid é actualmente unha rede consolidada e estruturada con 36 grupos de investigación constituídos en 30 unidades de investigación independentes procedentes das tres universidades do sistema galego, os tres complexos hospitalarios universitarios de Galicia e de universidades do norte de Portugal.

Pola súa parte, a  Rede Temática de descubrimento de fármacos  REDEFAR conecta a experiencia internacional en I+D aplicada ao descubrimento temperán de fármacos de dez equipos multidisciplinares e complementarios españois entre os que se atopa a USC. Esta Rede permite a coordinación, cohesión, fortalecemento e visibilidade das capacidades españolas en descubrimento de fármacos e leva a cabo a súa conexión internacional.. 

A Rede Estratéxica ES- OPENSCREEN está formada polos grupos das entidades españolas acreditadas polo ERIC EU-OPENSCREEN, entre as que tamén se atopa a USC, e diríxese á consolidación e posicionamento estratéxico do  nodo español na rede ERIC EU- OPENSCREEN. A Xunta de Galicia co financia a participación galega neste consorcio europeo. A importante presenza española no Consorcio Europeo ERIC EU- OPENSCREEN “supuxo un salto cualitativo nas capacidades españolas e nas súas posibilidades de colaboración internacional”, subliña Mabel Loza. “Con todo, os orzamentos para redes nestes anos foron limitados, o que condiciona o avance da ciencia disruptiva cara á súa aplicación”, engade. A reunión conta tamén co apoio institucional da Xunta de Galicia no marco da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía de Galicia e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). 
 

The contents of this page were updated on 12.17.2019.