Skip to main content

USC e Banco Santander renovan o seu convenio

Antonio López e Matías Rodríguez Inciarte asinan o convenio
Antonio López e Matías Rodríguez Inciarte asinan o convenio
O reitor Antonio López e o presidente de Santander Universidades, Matías Rodríguez Inciarte, asinaron este mércores o acordo que regula a colaboración entre ambas as dúas entidades e que terá unha duración de dous anos
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e o presidente de Santander Universidades, Matías Rodríguez Inciarte, asinaron este mércores, no Colexio San Xerome, a renovación do convenio entre ambas as dúas entidades e que terá unha duración de dous anos. Educación, emprendemento, empregabilidade e transformación dixital son os eixos nos que se atopa estruturado o acordo. 

Na súa intervención o reitor quixo subliñar o agradecemento da USC ao Banco Santander por estes vinte anos de colaboración continuada. “Este é un compromiso xeneroso e cuantitativamente moi importante. Ademais sentímonos moi respectados na nosa autonomía universitaria á hora de definir as iniciativas que queremos desenvolver dentro dos catro eixos estratéxicos”, apuntou López. Pola súa parte, Rodríguez Inciarte destacou a satisfacción do Banco Santander por poder colaborar cunha institución “emblemática” como é o caso da USC por ser “unha das grandes universidades do mundo” e “reafirmar unha liña estratéxica coa Universidade”. 

Foto de familia tras a sinatura
Foto de familia tras a sinatura

Este novo convenio contribuirá á excelencia da actividade docente e investigadora da USC, a promover a transferencia dos resultados de investigación, a mellorar a eficiencia da súa xestión académica, a facilitar o acceso a programas de formación continuada, a reforzar a súa proxección internacional e, en xeral, a elevar a oferta e nivel de servizos culturais e académicos, e de calquera outro tipo prestados á comunidade universitaria, tales como as prácticas en empresas ou accións a prol da empregabilidade.

Educación
O Programa de Mentoring da USC  que incluirá bolsas para que alumnado sirva de guía aos estudantes de primeiro curso do grao e mestrado na Semana de Benvida é un dos eidos nos que actúa este convenio. Ademais, o convenio contempla o finaciamento de 125 bolsas de Iniciación á Investigación. Asemade impulsaranse accións de voluntariado, inclusión social, ou o fomento da mobilidade sustentable, así como axudas a estudantes da USC no ámbito cultural e deportivo que favorezan unha oferta diversa e inclusiva. Outro ámbito será a participación da USC no programa ‘Bolsas ao Estudo Santander’, cuxo obxectivo é facilitar o acceso á educación superior aos estudantes cos mellores expedientes académicos de calquera curso de grao e posgrao, de acordo coas bases específicas deste programa.

Emprendemento
O programa ‘USC – Santander de valorización de patentes’, o apoio ás accións do programa ‘Uniemprende’ e dos programas de formación en emprendemento  ‘Explorer’ e  ‘Argos’, así como o programa USC – Santander de promoción de iniciativas empresariais constitúen as accións contempladas polo convenio en materia de emprendemento. 

Empregabilidade
O acordo establece asemade o financiamento de contratos de investigación posdoutorais, axudas a investigadores post-doc de fóra de Galicia para que asistan a congresos e eventos organizados pola USC, así como uns galardóns para profesorado e investigadores en formación que recoñezan o seu labor docente e investigador. Programas de intercambio de persoal docente e investigador e de estudantes,  visitas e prácticas en empresas con impacto, un programa USC–Santander de mellora da empregabilidade que inclúe formación extracurricular para adquirir competencias complementarias, ou un programa de prácticas extracurriculares xestionadas polas Cátedras Institucionais propias da USC pechan as iniciativas que se desenvolverán neste eido.

Transformación dixital
Ao abeiro do convenio asinado este mércores desenvólvese a nova aplicación para dispositivos móbiles da Universidade que xa se pode descargar de balde, así como un Sistema de Información da Investigación que permita canalizar á sociedade todo o potencial de coñecemento da USC, facendo fincapé na divulgación e transferencia do mesmo. Esta ferramenta incluirá a interconexión coas bases de datos internacionais e nacionais. O convenio contempla unha achega por parte do Banco Santander en cada un dos anos de vixencia de 1.800.000 euros. 
 

The contents of this page were updated on 12.18.2019.