O obradoiro ‘Cociñando na Saturnalia!’ abre o 26 o Nadal na Domus do Mitreo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo abrirá o vindeiro xoves 26 de decembro o programa de actividades ‘O Nadal na Domus’ cun obradoiro experimental ‘Cociñando na Saturnalia!’, unha acción, que se repetirá ao día seguinte e está dirixida á participación de familias con nenos e nenas de máis de 6 anos e para a que se ofrece inscrición gratuíta a través do enderezo de correo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es), no que o público interesado tamén poderá solicitar información ao respecto.
O obradoiro de cociña romana, unha actividade programada para o 26 de decembro e que se desenvolverá en quenda de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, contará cunha segunda xornada ao día seguinte e no mesmo horario. O obxecto desta actividade non é outro que o de achegar aos máis cativos información respecto da forma de vida dos romanos a través da súa gastronomía e prácticas culinarias da súa época.
Estas iniciativas de carácter formativo e de lecer, coas que o Museo Universitario A Domus do Mitreo tamén pretende achegarse ao público familiar e converterse en alternativa de ocio durante o período de Nadal, terán continuidade na primeira semana de xaneiro de 2020, coa celebración de dúas visitas guiadas especiais, que se celebrarán os días 2 e 3 de xaneiro, a partir das 11.00 horas.
Baixo o título ‘No solsticio’, este programa especial de visitas ao xacemento mitraico lugués ofrece ás familias a posibilidade de coñecer de balde as xoias que agocha o Museo Universitario A Domus do Mitreo, ademais de visitar as distintas salas expositivas de que dispón. As persoas interesadas en tomar parte en calquera das actividades incluídas no programa ‘Nadal na Domus’ poden inscribirse ou solicitar información, en quenda de 11.00 a 14.00 horas, a través do enderezo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es).
Horario de apertura
O Museo Universitario A Domus do Mitreo manterá en Nadal o horario habitual de apertura das súas instalacións, agás os días 24, 25 e 31 de decembro de 2019, e 1 de xaneiro de 2020, datas nas que o museo permanecerá pechado ao público. Daquela, a excepción destes días, o público interesado en visitar o xacemento mitraico achado en Lugo poderá facelo de martes a sábado, en quenda de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. As instalacións do museo tamén permanecen abertas os domingos, en quenda de 11.00 a 14.00 horas.