No Top 10 nacional de institucións investigadoras

A USC ocupa a oitava posición no Top 10 nacional de institucións investigadoras elaborado pola base de datos Nature Index. Tendo en conta unicamente as universidades que entran na clasificación, a USC ocuparía o sexto lugar. Estes foron os resultados compartidos por Nature Index no relativo ao período de tempo comprendido entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019, tras a análise das publicacións realizadas por diversas institucións investigadoras nacionais en 82 revistas científicas internacionais de alta calidade.
Ao respecto da investigación en colaboración con outras entidades, o estudo amosa que un 29.2% do traballo cooperativo da USC é nacional, sendo o CSIC a institución coa que máis participa. O 70.8% restante pertence ao ámbito internacional, o cal, en proporción ao volume de resultados, convirte á USC na cuarta institución con maior colaboración mundial das que conforman o Top 10, a segunda tendo en conta especificamente ás universidades.
No tocante ás diferentes áreas de investigación, tanto na USC coma a nivel nacional, o maior número de resultados prodúcense en Química, seguida de Ciencias Físicas, Ciencias da Saúde e Ciencias da Terra, por esta orde. Porén, salienta que, mentres que a nivel nacional os resultados en Química non alcanzan o 40% do total, na USC representan máis do 50%.