Skip to main content

Un centenar de investigadores reúnense na USC para debater sobre células nai e medicina rexenerativa

O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, presidiu o acto inaugural. Foto: Santi Alvite
O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, presidiu o acto inaugural. Foto: Santi Alvite
No marco da reunión da Rede de Terapia Celular (TerCel), presentáronse máis de corenta traballos de investigación e presentáronse dous proxectos internacionais de rexeneración cardíaca
Santiago de Compostela

A Facultade de Medicina converteuse esta semana en centro neurálxico de intercambio de coñecementos sobre células nai e medicina rexenerativa no marco da reunión da Rede de Terapia Celular (TerCel). Neste foro déronse cita un centenar de investigadores e expertos na materia que puideron intercambiar os seus puntos de vista e establecer sinerxías ao longo de dous días na USC.

Dende o xoves, sucedéronse as conferencias e comunicacións orais de cada un dos grupos da Rede de Terapia Celular, como é o caso de NeuroCel que se ocupa da investigación con células nai en enfermidades neurodexenerativas; CardioCel, relativa ás enfermidades cardiovasculares; e OshiCel, enfocada ás enfermidades inflamatorias e inmunohematolóxicas. Asemade, realizáronse reunións de comités específicos como o comité de investigación e desenvolvemento de células CAR- T de TerCel, e o comité de boas prácticas clínicas que se encarga de denunciar e combater aos individuos ou corporacións con ánimo de lucro, que ofrecen tratamentos fraudulentos con células nai. Estes tratamentos sen fundamento científico e fóra de ensaios clínicos son unha secuela científica e un perigo para a saúde pública, tal e como afirma o catedrático da USC, coordinador do Nodo de TerCel en Santiago e organizador do foro, José Luis Labandeira.

Ao longo da reunión anual da Rede de Terapia Celular, presentáronse máis de corenta traballos de investigación e déronse a coñecer dous importantes proxectos internacionais de rexeneración cardíaca que obtiveron financiamento da Comisión Europea. O proxecto ‘Reanima’ aborda un dos grandes retos actuais da Biomedicina como é conseguir a translación do coñecemento básico en rexeneración do corazón á súa aplicación médica; mentres que o estudo ‘Brave’ está dirixido a recuperar a funcionalidade dun corazón enfermo mediante a rexeneración do tecido cardíaco. Liderados polo Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) e a Clínica Universidade de Navarra, os proxectos están coordinados polos membros de TerCel Miguel Torres e Felipe Prosper, respectivamente.

A reunión da Plataforma de Unidades de Produción Celular de TerCel contou coa presenza de Matilde Moreno, conselleira técnica da área de Inspección e Control de Medicamentos da Axencia Española do Medicamentos e Produtos Sanitarios. A rede de salas de produción celular, acreditadas pola AEMPS, permite a TerCel realizar ensaios clínicos en seres humanos. A derradeira xornada do encontro contou coa intervención do Profesor da Universidade de Cambridge Simón Méndez-Ferrer.

A II Reunión de Mozos Investigadores de TerCel, enfocada a potenciar a participación dos investigadores máis novos, así como outorgar visibilidade aos seus traballos de investigación, e impulsar a súa carreira profesional, completou a programación desenvolvida pola Rede na USC.

A Rede de Terapia Celular está composta por 32 grupos de investigación multidisciplinar, repartidos por toda España. Asemade, TerCel conta con 351 investigadores básicos e clínicos que traballan en estreita colaboración. A Rede é unha aposta do Instituto de Saúde Carlos III polo desenvolvemento de proxectos de investigación pública de excelencia, que permitan mellorar o coñecemento sobre células nai e o seu papel na reparación de tecidos, para xerar novos tratamentos aplicables aos pacientes do Sistema Nacional de Saúde.

Público asistente ás xornadas. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 12.20.2019.