Skip to main content

O grupo GAME, premiado pola súa contribución ao desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago

En virtude dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia estudou o cálculo da capacidade de carga turística do Camiño Francés. Foto: www.caminodesantiago.gal
En virtude dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia estudou o cálculo da capacidade de carga turística do Camiño Francés. Foto: www.caminodesantiago.gal
En virtude dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia estudou o cálculo da capacidade de carga turística do Camiño Francés
Santiago de Compostela

A Asociación Española de Ciencia Rexional acaba de premiar un traballo de investigación desenvolvido polo grupo de investigación GAME da USC, realizado en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, para avaliar o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago a través do cálculo da capacidade de carga turística do tramo galego do Camiño de Santiago, en concreto do Camiño Francés. O estudo foi desenvolvido por Melchor Fernández, Dolores Riveiro e Roberto Bande.

O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellaría de Cultura e Turismo e este grupo de investigación no que se abordan, con innovadoras metodoloxías de análise, o impacto que o patrimonio cultural e os recursos turísticos poden ter sobre as poboacións locais polas que atravesa o Camiño de Santiago.

O estudo amosa a positiva repercusión do Camiño de Santiago nos concellos do rural galego, onde é visto como unha oportunidade de desenvolvemento por parte da poboación local. Tamén achega reveladores indicadores sobre o gasto dos peregrinos, demostrando que concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade e, á vez, cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas pola distribución dese gasto que realizan e o seu impacto sobre a economía local, xa que consumen máis en servizos directamente relacionados coa xeración de emprego que xeralmente se producen localmente.

Satisfacción e fidelidade dos peregrinos Ademais, a investigación sobre o impacto socioeconómico constata que a capacidade de acollida dos camiños de Santiago é superior á actual, “os índices de ocupación do Camiño son elevados, pero só existen picos puntuais tanto dende o punto de vista temporal (meses de verán) como por etapas (tan só a etapa Pedrouzo-Santiago presenta índices de ocupación moi elevados, en agosto)”. Tamén fala da fidelidade dos peregrinos, xa que máis da metade pensa repetir percorrendo outros dos itinerarios. O estudo tamén permite analizar os aspectos máis e menos valorados tanto polos galegos como polos peregrinos en canto ás infraestruturas no Camiño de Santiago.

Como sinalan os investigadores encargados do traballo, este premio supón un "recoñecemento ao esforzo conxunto da Axencia de Turismo de Galicia e do grupo GAME no desenvolvemento destas novas ferramentas de análise, así como ao esforzo deste grupo por divulgar á sociedade os resultados da súa actividade investigadora”.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.