A USC denuncia no 25N as novas formas de violencia machista

A USC conmemorou este luns 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres a través dun acto institucional no Colexio de San Xerome que serviu para poñer o foco na persistencia e as novas formas de violencia machista. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López quen quixo subliñar na súa intervención que a educación é un dos piares sobre os que se debe asentar a loita contra a “lacra” da violencia machista e deixou patente que a Universidade debe “transmitir valores, conciencia crítica e repugnancia contra este tipo de actitudes”.
A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, deu lectura ao manifesto institucional da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (Ruigeu) no que se denuncia “a persistencia e as novas formas de violencia machista e esixir que a erradicación da violencia de xénero pase a ser prioritaria nas axendas políticas, económicas e sociais”. O manifesto destaca a necesidade de romper co “silencio cómplice coa crueldade dos que son maltratadores e coa violencia cara ás súas vítimas” e pon o foco no rol da universidade como “ exemplo de loita contra a violencia machista”.
No acto tamén tomaron parte a concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz Varela; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e Eva Aguayo Lorenzo, coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC.
Entrega de premios
O acto serviu para facer entrega dos galardóns do III Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero, financiados con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. Laura Rubio Lareu co relato ‘Calquera’ fíxose co primeiro premio deste certame dirixido a todo o alumnado das titulacións de primeiro e segundo ciclo, grao, máster e doutoramento, matriculado na USC no curso 2019-2020. Ademais, o xurado decidiu conceder dous accesit ás obras ‘Leoa’ de Andrea Durán Liñares e ‘Soga’ de Adrián Feijoo Sánchez.
Ademais dos textos galardoados, serán recollidos nunha vindeira publicación outros catro relatos finalistas, os cales foron recoñecidos con cadanseu diploma acreditativo; este é o caso das obras `Unha pegada indeleble’ de Lydia Burgaña Caballero, ‘Bébote á miña maneira’ de Vanesa Eimil Díaz, ‘ Víase vir’ de Lucía Mansilla Ojeros, e ‘A soidade no abuso’ de Sara Rodríguez Fraga.
Público asistente ao acto. Foto: Santi Alvite