Skip to main content

A USC presenta a súa actividade investigadora, docente e de servizos na súa II Feira da Innovación

Cartel da feira
Cartel da feira
O reitor Antonio López presidirá o acto inaugural este mércores 27, ás 9.00 horas, no Edificio Cinc da Cidade da Cultura
Lugo, Santiago de Compostela

A II Feira de Innovación da USC, dirixida a alumando de secundaria e bacharelato, celebrarase na Cidade da Cultura, os días 27 e 28 de novembro. O reitor Antonio López presidirá o acto inaugural este mércores 27, ás 9.00 horas, no Edificio Cinc da Cidade da Cultura. Xunto ao reitor, tomará parte no acto a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo. Ademais, proxectarase un vídeo co saúdo do ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque.

O público participante poderá coñecer de primeira man ao longo destas dúas xornadas, a diversa oferta docente, de investigación e de servizos que ofrece a Universidade. Esta iniciativa contará cun espazo de atención ao estudantado para a resolución de dúbidas e ampliación de información relacionada coas titulacións da USC e a súa ampla oferta de servizos. Exhibicións e demostracións de carácter interactivo para achegar aos visitantes exemplos dos proxectos de investigación nos que a USC está a traballar serán outros dos elementos que nutrirán o programa desta feira.

A exposición de contidos vencellados a proxectos de Aprendizaxe-Servizo e a difusión das accións de voluntariado que a USC ten en marcha; así como unha mostra do inventario do Servizo de Publicacións da USC, completarán o programa. De xeito paralelo ás seccións permanentes, a feira contará con relatorios divulgativos, a cargo do persoal docente e investigador da USC, que permitirán por o foco nas súas diferentes liñas de investigación.

Futuro sustentable e alimentación

No marco da feira, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza a xornada ‘Os retos para un futuro sustentable no sector alimentario galego o próximo 27 de novembro a partir das 15.30 horas. A xornada contará coa presenza da Alta Comisionada para a Axenda 2030 do Goberno de España, Cristina Gallach, que explicará as actuacións e funcións do Alto Comisionado para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas.

Coñecer os retos en materia de sustentabilidade na industria da alimentación, a necesidade de adoptar un cambio dos procesos produtivos lineais aos circulares, ou o proxecto europeo C- VoUCHER, cuxo obxectivo é axudar ás pemes na súa implementación de solucións de economía circular, serán algunhas das cuestións abordadas.

Previamente ao acto de clausura da xornada, realizarase un debate aberto a todos os asistentes para intercambiar impresións sobre sustentabilidade na industria da alimentación. A inscrición na xornada pode realizarse nesta ligazón.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.