O primeiro faladoiro científico do DivulgaTerra 2019 presenta hoxe na Casa do Saber pescudas ligadas coas ciencias da saúde

O evento de divulgación científica DivulgaTerra, unha iniciativa orientada a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, bota a andar a súa cuarta edición este xoves 7 de novembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa de Saber de Lugo cunha xornada arredor de pescudas ligadas ao ámbito das ciencias da saúde.
Un relatorio sobre os alimentos procesados, a cargo da catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, Ángeles Romero, servirá de colofón desta primeira sesión do DivulgaTerra 2019. Na súa intervención, Romero falará do concepto de alimento procesado, da clasificación actual dos alimentos en base ao seu procesado e de como se poden identificar, ao tempo que poñerá exemplos sobre a elaboración de varios alimentos, e das características que fan recomendable o consumo moderado destes produtos dentro dunha alimentación saudable.
A mocidade investigadora tamén será protagonista neste espazo de debate e divulgación científica en lingua galega. Así, DivulgaTerra 2019 dará voz esta tarde a Mateo Vázquez Torres, Paula Rodríguez Villamayor, Cynthia López Novo e Lara Rouco Méndez, investigadores novos todos eles que ofrecerán charlas con títulos suxestivos, como o son ‘Amor a primeiro arrecendo’, ‘Da granxa ao prato: papel das feromonas na produción cunícola’, ‘Distribución ambiental do virus da mixomatose do coello nunha granxa infectada’ ou ‘Enzimas artificiais con actividade antioxidante’.
A quenda de intervencións breves desta primeira xornada do ciclo Divulgaterra 2019 Petiscos de divulgación inclúe asemade unha charla sobre cancro e animais, a cargo de María Isabel Quiroga Berdeal, e outra exposición curta de Marta López Alonso sobre os animais domésticos como sentinelas do medio ambiente.
As áreas de Ciencia e Tecnoloxía e Arte, Humanidades e Ciencias Sociais serán os eixes temáticos sobre os que traten as comunicacións científicas previstas para os días 14 e 21 de novembro no marco do ciclo DivulgaTerra Petiscos de Divulgación Científica 2019, promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.