Skip to main content

O Ibader presenta en Portugal as accións de mellora de teixaidais realizadas en Pedrafita do Cebreiro ao abeiro do Life Baccata

Investigadores españois e lusos, no obradoiro científico celebrado en Peneda-Gerês, ao abeiro do Life Taxus
Investigadores españois e lusos, no obradoiro científico celebrado en Peneda-Gerês, ao abeiro do Life Taxus
Un obradoiro científico internacional celebrado Peneda- Gerês senta as bases para a conservación ex situ do teixo, así como para a súa propagación a través de viveiros
Lugo

Investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC implicados no proxecto Life Baccata veñen de participar no Parque Nacional da Peneda-Gerês (Terras de Bouro, Portugal) xunto co resto de socios deste programa europeo orientado á conservación, seguimento e difusión para a mellora dos teixadais na Cordilleira Cantábrica, nun obradoiro internacional de intercambio científico organizado ao abeiro do Life Taxus. A delegación do Ibader aproveitou este foro para presentar os resultados das actuacións que está a desenvolver no enclave galego do proxecto (Monte Veciñal en Man Común de Riocereixa, Pedrafita do Cebreiro, Lugo) coa axuda dun dos beneficiarios asociados do proxecto, a empresa pública Tragsa.

A execución desta actuación nunha propiedade privada colectiva, tal e como é o caso do monte mancomunado de Riocereixa , tan un gran valor para o proxecto Life Baccata, segundo subliñan desde o Ibader, xa que permite implicar na xestión dos hábitats naturais e da Rede Natura 2000 aos propietarios privados do territorio, o que constitúe unha medida pioneira en Galicia.

Os socios do Ibader no Life Baccata, a Fundación Cesefor, Junta de Castilla y León, Fundación Hazi tamén deron conta neste foro das accións desenvolvidas ao abeiro deste programa europeo, así como das dificultades das actuacións silvícolas de posta en luz de matriarcas de teixo e do rexenerado, as medidas de defensa contra os herbívoros, ou os paquetes de medidas informativas e divulgativas do proxecto. Asemade, a Fundación Hazi (País Vasco) analizou as medidas de translocación de planta para o aumento da superficie abranguida polo tipo de hábitat, e a implicación dos sectores clave do territorio para o mantemento a longo prazo das actuacións de conservación executadas polo proxecto.

As distintas solucións adoptadas polos promotores do Life Baccata espertaron moito interese entre os investigadores do Instituto de Conservación da Natureza e das Forestas, beneficiario do Life Taxus, un proxecto centrado na recuperación e valorización de hábitats naturais no Parque Nacional Peneda-Gerês.

O programa deste encontro científico completouse con viaxes de campo a dous enclaves naturais, unha ao enclave natural de Leonte e outra, ao Val do río Maceira. A primeira excursión permitir apreciar de primeira man o labor de mellora e acondicionamento dos hábitats forestais para promover a rexeneración natural e expansión do teixo. O percorrido polo Val do Río Maceira, posibilitou a visita de masas forestais con presenza de individuos de teixo de gran lonxevidade e porte, así como áreas cunha importante densidade de rexenerado desta especie.

Todos os asistentes sinalaron a importancia de eventos coma este para o intercambio de experiencias e coñecementos aplicados ao desenvolvemento destas actuacións, o que require un alto grao de especialización ante as dificultades técnicas detectadas. A visita serviu para poñer unha primeira pedra de cara a futuras colaboracións e intercambios na posta en marcha de medidas de conservación ex-situ do teixo coa finalidade de mellorar o estado de conservación do hábitat dos teixadais , a través da súa propagación en viveiro como xeito de conservar o patrimonio natural e a biodiversidade do Norte da Península Ibérica.

The contents of this page were updated on 12.05.2019.