Skip to main content

O proxecto ‘FAN-BEST’ organiza un programa de capacitación en liña para estimular o espírito empresarial da economía azul

FAN-BEST ten dispoñible un  punto de encontro para tecnoloxías e innovacións, que se atopen próximas ao mercado, orixinadas en recursos mariños e marítimos. FOTO: Santi Alvite
FAN-BEST ten dispoñible un punto de encontro para tecnoloxías e innovacións, que se atopen próximas ao mercado, orixinadas en recursos mariños e marítimos. FOTO: Santi Alvite
Expertas e expertos de Europa impartirán unha serie de seis webinarios que axudarán a comprender as boas prácticas que deben aplicarse para apoiar unha empresa innovadora neste sector
Santiago de Compostela

O proxecto europeo FAN-BEST, liderado dende o Departamento de Economía  Financeira e Contabilidade da USC, organiza un programa de capacitación en liña para estimular o espírito empresarial da economía azul. Esta iniciativa aspira a mellorar os coñecementos de apoio financeiro e as boas prácticas aplicables ás empresas de nova creación e á ampliación de escala neste tipo de economía centrada no crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo. Alén da USC, o proxecto financiado ao abeiro do programa Interreg Atlantic Area, é o resultado dun consorcio internacional no que toman parte socios de España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda.

Expertas e expertos de Europa impartirán unha serie de seis webinarios que axudarán a comprender as boas prácticas que deben aplicarse para apoiar unha empresa innovadora no sector da economía azul. Estas sesións impartiranse dende este mércores integramente en inglés e realizaranse mediante a plataforma Zoom ao longo de seis meses. O programa diríxese, por unha banda, a persoas que presten asesoramento ou servizos técnicos a incubadoras e aceleradoras, axencias de desenvolvemento e departamentos de transferencia de coñecementos das universidades, e, por outro, a calquera persoa empresaria ou investigadora que teña interese na economía azul.

Ademais, FAN-BEST ten dispoñible un  punto de encontro para tecnoloxías e innovacións, que se atopen próximas ao mercado, orixinadas en recursos mariños e marítimos e cun gran potencial de uso industrial, chamado Stock Market que conta tamén cun directorio de investidores potencialmente interesados nestas tecnoloxías e innovacións. Esta iniciativa constitúe un punto de encontro entre entidades de I+D+i, centros tecnolóxicos, empresas e start-ups relacionadas coa economía azul e entidades investidoras potencialmente interesadas en facer deste tipo de economía,  un polo de competitividade do Espazo Atlántico.

The contents of this page were updated on 09.30.2020.