Skip to main content

Os cambios no ADN da vexiga sa proporcionan pistas sobre como xorde o cancro

O profesor Tubío, no centro da imaxe, xunto ao seu equipo
O profesor Tubío, no centro da imaxe, xunto ao seu equipo
Científicos da USC liderados polo profesor Jose M. C. Tubío acaban de publicar na revista 'Science' as conclusións da análise do perfil mutacional do urotelio, o tecido que recobre a vexiga, de quince doantes sans
Santiago de Compostela

Os retrotransposóns, rexións de ADN ata o de agora ignoradas e consideradas “lixo”, volven centrar a investigación que dende a USC lidera o profesor Jose M. C. Tubío e que constata que os cambios no ADN da vexiga sa proporcionan pistas sobre como xorde o cancro. A investigación que acaba de publicarse na revista Science, analiza o perfil mutacional do urotelio, o tecido que recobre a vexiga, de quince doantes sans.

O traballo que agora coordina o investigador Íñigo Martincorena do Wellcome Sanger Institute confirmou a presenza de mutacións driver no tecido san e que a súa frecuencia responde a un patrón de acumulación continua e irreversible durante a vida. “Con todo, a carga mutacional resultou moi variable entre individuos, o que parece reflectir a interacción entre xenética e distintos hábitos de vida como o tabaquismo”, aclara Sonia Zumalave, unha das asinantes do artigo e investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

Se o urotelio de doantes sans está poboado por clons mutantes que presentan mutacións que conducen ao cancro,  é preciso afondar agora en que marca a diferenza entre san e tumoral. “Profundar nesta cuestión permitirá unha mellora nos métodos de diagnóstico temperán do cancro de vexiga”, sostén a investigadora da Universidade.

Liña de gran impacto para a xenética

Os retrotransposóns representan unha parte importante do material xenético humano, ata case un 50%, e foron ata non hai moito considerados ‘ADN lixo’ debido á súa natureza repetitiva e ausencia aparente de funcionalidade. Este concepto erróneo levou a moitos científicos a non profundar no seu papel determinante no cancro. Fronte a isto, Jose Tubío e o seu equipo veñen facéndoo desde 2010. “Desenvolvemos algoritmos bioinformáticos dirixidos ao estudo desta materia escura e atopamos varios tesouros”, indica.

Os científicos da USC sinalaron un novo mecanismo de mutación que consiste en que cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral poden producir perdas enormes de material xenético no punto no que se integran. Estas perdas causadas pola integración de retrotransposóns poden implicar a desaparición de xenes que son importantes no mantemento do funcionamento normal dunha célula. “A evidencia de mobilización destes xenes saltareiros en tecido san suxire que este proceso podería ser relevante non só en cancro senón tamén en envellecemento e outras enfermidades”, conclúe Zumalave.

Esta liña de gran impacto para a xenética do cancro alcanzou un dos maiores fitos en febreiro deste ano ao conseguir publicar artigos en Nature e Nature Genetics no marco do consorcio internacional Pan-Cancer, o maior estudo sobre as bases xenéticas do cancro.

The contents of this page were updated on 10.01.2020.