Skip to main content

O Ibader mellora espazos da ría de Betanzos coa retirada de máis de 40 toneladas de plantas invasoras

Traballos de retirada de plumacho da pampa (Cortaderia selloana) no corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos
Traballos de retirada de plumacho da pampa (Cortaderia selloana) no corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos
As actuacións desenvolvidas polo centro universitario lugués en Bergondo xunto con outras entidades públicas e privadas dan continuidade ás accións de conservación xa realizadas en Lugo, Rábade, Guitiriz, A Pontenova e Ribadeo no marco do Life Fluvial, un programa orientado a mellorar corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000
Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC avanza no acondicionamento dun treito do corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos localizado no municipio de Bergondo coa eliminación de flora invasora, a fin de contribuír así á restauración dos hábitats naturais e á mellora da conservación deste espazo. Esta intervención, que se desenvolve ao abeiro do Life Fluvial, un programa europeo orientado a mellorar a conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000 no que o Ibader da USC colabora coas universidades de Oviedo e Lisboa, ademais doutras entidades públicas e privadas, permitiu xa a retirada de máis de 40 toneladas de plantas invasoras, na súa maioría plumacho da pampa (Cortaderia selloana), segundo indicou Pablo Ramil Rego.

O director do Ibader salientou que, alén de favorecer a restauración dos hábitats naturais neste espazo, a eliminación das plantas invasoras que colonizaron estes predios durante as últimas décadas, permite tamén a recuperación para o uso da cidadanía dunha área dotada hai xa décadas de equipamentos recreativos e deportivos, pero abandonada de feito na actualidade como consecuencia da progresiva colonización de flora invasora.

Respecto dos traballos de campo realizados, Ramil detallou que nesta primeira fase da intervención incluída na acción C4 do Life Fluvial xa se procedeu á retirada de 48 individuos de grandes dimensións de plumacho da pampa. Algunha destas plantas superaba os 900 kilos de peso, o cal resulta revelador sobre a capacidade invasora da Cortaderia selloana, dado que cada pé xera centenas ou miles de sementes, así como respecto da dificultade da súa eliminación e posterior retirada. O director do Ibader precisou que algúns dos individuos xa retirados tiñan menos de seis anos de idade, un dato que constata a rápida capacidade de colonización desta especie, ao tempo que advirte da conveniencia de activar medidas periódicas de control e monitoreo para garantir a súa erradicación definitiva.

Outras especies

A Cortadeira selloana foi a principal especie de flora invasora retirada no marco dos traballos que se están a desenvolver neste espazo fluvial do municipio de Bergondo, un enclave no que a intervención do Life Fluvial tamén se traduciu na eliminación doutras especies de flora invasora que contribuían a causar unha afección negativa ao ecosistema fluvioestuarino. Daquela, o equipo do Ibader implicado na execución dos traballos ten contabilizado tamén a retirada de 40 pés de Populus x canadensis, 25 individuos de Tamarix gallica, 10 pés de Platanus x hybrida, 10 pés de Eucalyptus globulus, e máis de 1.000 metros cadrados ocupados por Crocosmia x crocosmiiflora. Todo este material ou biomasa foi convenientemente tratada por un xestor de residuos autorizado.

Os traballos de erradicación de flora invasora realizados neste zona de especial conservación da Ría de Betanzos non requiriron o emprego de ningún método nin material químico, dada a elevada fraxilidade e vulnerabilidade deste espazo fluvioestuarino. O director do Ibader comentou asemade que este proxecto posúe un elevado valor demostrativo e de sensibilización sobre os métodos de control e erradicación de especies de flora invasora dentro de espazos de elevada fraxilidade dentro da Rede Natura 2000.

Ramil Rego adiantou asemade que a axenda de actuacións programadas ao abeiro do Life Fluvial continuarán en breve no encoro de Cecebre, onde tamén están proxectadas intervencións de conservación. O director do Ibader lembrou asemade que nos últimos meses xa se desenvolveron diversas intervencións ao abeiro deste programa europeo en diversas enclaves da provincia de Lugo dos municipios de Lugo, Rábade, Guitiriz, Ribadeo, ou A Pontenova, entre outros.

 

Exemplar de plumacho da pampa (Cortaderia selloana) no corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos
Exemplar de plumacho da pampa (Cortaderia selloana) no corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos
The contents of this page were updated on 10.01.2020.