Skip to main content

Libera Bio e Tilúa Asistencia, empresas premiadas na terceira edición dos galardóns Innovatia 8.3

O reitor Antonio López e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, durante o desenvolvemento do congreso. FOTO: Santi alvite
O reitor Antonio López e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, durante o desenvolvemento do congreso. FOTO: Santi alvite
Estes premios, promovidos pola USC e o Instituto da Muller están dirixidos a fomentar iniciativas empresariais innovadoras no campo científico-tecnolóxico, lideradas por mulleres e dende o ámbito das universidades
Santiago de Compostela

A compañía biofarmaceútica e spin-off da USC Libera Bio, especializada no desenvolvemento de novos medicamentos anticanceríxenos baseados en nanotecnoloxía, foi recoñecida este xoves na categoría ‘Empresa de base tecnolóxica’ dos III Premios Innovatia 8.3. O proxecto promovido por Desirée Teijeiro e María José Alonso recibíu un galardón dotado con 10.000 euros. Pola súa parte, Tilúa Asistencia, dirixida a facilitar ás persoas con discapacidade tecnoloxías que lles axuden no seu día a día, foi recoñecida na categoría ‘Empresa startup’. O proxecto promovido por Emilia Méndez Barrios e presentado pola Universidade Miguel Hernández de Elxe obtivo un galardón de 7.000 euros.

A tamén spin-off da USC BFlow, así como Evoenzyme do Centro Superior de Investigacións Científicas, foron finalistas na categoría de mellor empresa de base tecnolóxica; mentres que na modalidade destinada a premiar á mellor startup, as finalistas foron Kubalu Events da Universidade Politécnica de Madrid e Enthec Solutions da Universidade Carlos III. A III edición destes premios contou coa participación de 41 empresas, 23 de base tecnolóxica e 18 startups. Nos proxectos seleccionados valorouse ademais da innovación e a viabilidade económica, a súa sustentabilidade e o seu impacto social; o volume de emprego proxectado e a súa calidade; o carácter interdisciplinario do equipo e as súas políticas de igualdade.

Estes premios, promovidos pola USC e o Instituto da Muller, e cofinanciados polo Fondo Social Europeo, están dirixidos a fomentar iniciativas empresariais innovadoras no campo científico-tecnolóxico, lideradas por mulleres e desde o ámbito das universidades. Realízanse no marco do Programa Innovatia 8.3, iniciado en 2011 como proxecto pioneiro co obxectivo de identificar e analizar as barreiras que dificultan ás mulleres o acceso aos programas de creación de empresas, así como a integración da perspectiva de xénero nas diferentes áreas de transferencia do coñecemento das universidades españolas á sociedade.

“Falta de conciliación responsable”

O reitor Antonio López e a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Beatriz Gimeno, inauguraron este xoves, o Congreso en liña Innovatia 8.3, no marco do cal se fixo entrega dos premios da terceira edición deste certame homónimo convocado por ambas as dúas institucións. Na súa intervención, Antonio López quixo poñer o foco no feito de que durante a pandemia incrementouse a produción científica dos homes, pero non así a das mulleres, feito que o reitor atribuíu á “falta de conciliación responsable”. “Queda un longo camiño por percorrer”, apuntou Antonio López, xa que “seguen a ser as mulleres as que asumen os coidados das persoas maiores que cada vez gozan de mellores expectativas de vida”.

Beatriz Gimeno, pola súa parte, defendeu avanzar cara a un emprendemento inclusivo, “aliñado cos principios dun crecemento sostible, máis próximo a un modelo de economía social e circular, en consonancia cos  ODS e co cumprimento da Axenda 2030, como un principio reitor para os proxectos e as empresas que xorden das Oficinas de Transferencia de Coñecemento das Universidades”. O liderado feminino nas universidades e as empresas, a aposta pola igualdade nos procesos de transferencia do coñecemento, a crise da  COVID-19, o emprendemento tecnolóxico e a necesidade dunha economía feminista, como marco necesario para a sustentabilidade do planeta, foron os temas abordados durante o congreso.

The contents of this page were updated on 10.08.2020.