Skip to main content

BFlow, gañadora do desafío ‘e-Dea Saúde’ por desenvolver un chip microfluídico para a detección precoz da metástase

Brain-CTCure, a solución que achega B-Flow, é un dispositivo que pode ser usado para atrapar e analizar as células tumorais circulantes de gliomas infantís a partir do sangue
Brain-CTCure, a solución que achega B-Flow, é un dispositivo que pode ser usado para atrapar e analizar as células tumorais circulantes de gliomas infantís a partir do sangue
A spin-off da USC acaba de ser recoñecida pola Fundación Pfizer por crear o dispositivo Brain-CTCure que contribúe a mellorar o diagnóstico do glioma pediátrico
Santiago de Compostela

Os tumores do sistema nervioso central son unha das principais causas de morte asociadas ao cancro durante a infancia. Entre estes tumores atópase o glioma pediátrico, un dos máis problemáticos a nivel de seguimento e control. Ante esta situación, a  spin- off da USC BFlow desenvolveu Brain-CTCure, un chip microfluídico para a detección precoz de metástase. O seu obxectivo de mellorar o diagnóstico deste cancro infantil converteuna na gañadora da cuarta edición do desafío “e- Dea Saúde”, da Fundación  Pfizer.

Brain-CTCure, a solución que achega B-Flow, é un dispositivo que pode ser usado para atrapar e analizar as células tumorais circulantes de gliomas infantís a partir do sangue. Este chip microfluídico xa foi  testado con outro tipo de células tumorais. Está feito en vidro tallado con láseres formando unha estrutura de  micropilares, que  funcionalizados con anticorpos, permiten ter unha gran cantidade de superficie de captura de células  tumorais circulantes cun alto rendemento.

A cuarta edición do desafío ‘e- Dea Saúde’ da Fundación Pfizer lanzouse co reto de buscar solucións que permitan optimizar ao máximo o proceso de diagnóstico dunha enfermidade rara, minimizando o tempo e proporcionando a mellor información posible a todos os axentes implicados. Tras o  Design Sprint que contou coa participación de tres  startups finalistas, o xurado desta iniciativa resolveu a favor da solución Brain- CTCure.  BFlow participará no programa de inmersión da Richi Foundation en Boston e recibirá unha bolsa de 1.500 euros.

Mellorando a calidade de vida

María Seoane,  CEO de  B-Flow, afirmou que “ser os gañadores desta iniciativa supón o recoñecemento dunha entidade tan distinguida como a Fundación Pfizer e que, grazas á participación no desafío, puidésemos puír certos aspectos. Ademais, permítenos dalo a coñecer a todos os axentes do sistema”. A xuízo de Seoane, a súa participación no programa de inmersión da Richi Foundation en Boston vai permitir “traballar durante unhas semanas cos equipos máis avanzados no ámbito da biotecnoloxía para poder lanzar o produto e conseguir que se poida aplicar no tratamento do cancro infantil”. Por outra banda, Bruno  Rodiño,  Chief  Scientific  Officer, declarou que “e- Dea Saúde ábrenos as portas de Boston, berce e máximo expoñente en biotecnoloxía mundial. É un soño pensar que podamos aplicar a nosa tecnoloxía á medicina clínica xa que o noso obxectivo é axudar ás persoas, mellorando a súa calidade de vida”. Concluíu sinalando que “agradecemos moito que se poñan en marcha iniciativas como esta, que apoien a proxectos innovadores e impulsen o seu desenvolvemento”.

BFlow constituíuse como empresa de base tecnolóxica da USC logo de anos de investigación entre equipos punteiros na área da microfluídica, fotónica e biotecnoloxía, tanto da propia Universidade, como do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Os socios promotores desta nova spin-off foron os investigadores María Aymerich, Maite Flores, Ezequiel Álvarez e Alberto P. Muñuzuri.

BFlow ofrece solucións de microfluídica grazas ao deseño personalizado e fabricación por tecnoloxía láser dun chip con microcanles sobre os que se pode realizar cultivo celular e aos que se lles aplica unha simulación de fluxo. En investigación preclínica, esta tecnoloxía permite probar as moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo, polo que, empregada antes de pasar o test en animais, permite identificar os mellores candidatos a superar ese test, reducindo e racionalizando así tempo de investigación, custos experimentais e número de animais de experimentación.

The contents of this page were updated on 10.22.2020.