Skip to main content

A incubadora da USC recibe 30 propostas de proxectos biotecnolóxicos, a maioría no eido da saúde

BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia
BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia
BioIncubaTech fará público o vindeiro 15 de decembro cales son os 20 proxectos seleccionados nesta primeira convocatoria
Lugo, Santiago de Compostela

BioIncubaTech, primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario, recibiu un total de trinta propostas na súa primeira convocatoria. As candidaturas recibidas serán avaliadas pola Comisión de Dirección Operativa desta incubadora tecnolóxica da USC. As propostas elixidas faranse públicas o vindeiro 15 de decembro.

A saúde é o sector con máis propostas recibidas, 24 proxectos que abranguen un amplo espectro de tecnoloxías e servizos para a prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades. As outras seis restantes pertencen ao sector agroalimentario. Recibíronse un total de 18 propostas para a modalidade de preincubación, seis para a modalidade de incubación e seis, para aceleración, segundo o estadio de desenvolvemento de cada proxecto ou empresa.

Apoio para 20 proxectos

BioIncubaTech ofrecerá apoio nesta primeira convocatoria a 20 proxectos. Na modalidade de incubación física en módulos de laboratorio, oficina ou área de coworking acollerase un máximo dez proxectos empresariais, catro en fase de preincubación, tres en fase de incubación e tres en fase de aceleración. Quince das propostas solicitaron este tipo de espazos, sete delas na área destinada a coworking e oito, en módulos de incubación.

Tamén se ofrece incubación virtual a outros dez proxectos en calquera estadio de desenvolvemento que, aínda que non precisen aloxamento físico no edificio Emprendia, poderán acceder a todos os programas de apoio, instalacións comúns e infraestrutura científica que ofrece BioIncubaTech. Outros quince proxectos optaron por esta modalidade de incubación virtual.

Captación de talento emprendedor

BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico. Ademais, proporciona un acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Alén da infraestrutura científico-técnica proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubatech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira.

O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.