Skip to main content

A Rede TIL fai visibles as discriminacións que sofren as mulleres no traballo coa mostra ‘25n: unha ollada ao mercado laboral’

Representantes das entidades integradas na Rede TIL, na apertura da mostra '25n: unha ollada ao mercado laboral', na Biblioteca Intercentros
Representantes das entidades integradas na Rede TIL, na apertura da mostra '25n: unha ollada ao mercado laboral', na Biblioteca Intercentros
A exposición organizada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller pode visitarse ata o 8 de decembro na Biblioteca Intercentros de Lugo
Lugo

A Rede de Técnicos de Inserción Laboral (TIL), constituída como un foro de encontro, discusión e traballo das entidades do terceiro sector de Lugo, liderado pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo a través da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, condena e fai visibles as discriminacións que sofren as mulleres no traballo a través da mostra ‘25n: unha ollada ao mercado laboral’, unha exposición aberta este venres na Biblioteca Intercentros da sede universitaria luguesa, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 8 de decembro.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, alentou na apertura desta mostra, organizada co gallo da celebración o luns 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a condenar e a traballar todos xuntos a prol da eliminación destas situacións de violencia machista que non sempre se fan visibles.

A exposición ‘25n: unha ollada ao mercado laboral’ está estruturada en 11 paneis, nos que, a través de infografías, preguntas, imaxes e situacións que convidan á reflexión, se dá conta dalgunhas das limitacións coas que se atopan as mulleres á hora de acceder e ou manterse no mercado laboral en igualdade de condicións.

O obxectivo desta iniciativa articulada pola Rede TIL pasa por, ademais de denuncias as situacións de discriminación por razón de sexo que soportan as mulleres no mundo laboral, favorecer un debate reflexivo ao respecto e impulsar novas alternativas na procura dunha sociedade mais xusta e igualitaria entre ambos os sexos.

Daquela, no actual contexto social, no que a información xoga un crecente papel na articulación da vida económica, social, cultural e política, esta mostra configúrase como unha manifestación cultural acaída para a transmisión e difusión dunha mensaxe que aspira a modificar positivamente actitudes e comportamentos da cidadanía, segundo sinalou a técnico da Área de Orientación Inserción Laboral da USC no Campus de Lugo, Gloria Cruz Amil.

O acto de apertura da mostra ‘25n: Unha ollada ao mercado laboral’, en cuxa organización tamén colabora a Deputación Provincial de Lugo, citou na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo un nutrido grupo de persoas, entre as que se atopaban representantes de cada unha das entidades que integran a Rede TIL, así como o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e outros membros da comunidade universitaria.

Rede TIL

A Rede TIL está formada polo persoal técnico dos distintos servizos de emprego de diversas entidades na provincia de Lugo. Así, xunto coa USC, forman parte desta iniciativa de marcado carácter social, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), a Asociación Síndrome Down de Lugo, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Fademga), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Cruz Vermella Española de Lugo, a Federación de Asociacións de Familiares e persoas con enfermidades mentais de Galicia (Feafes-Galicia), a Fundación Secretariado Xitano, a Fundación Juan Soñador, a Fundación Educativa e Social Dignidade, Aliade-Ultreia, Accem, Alar, Galicia Diaconía, Cáritas Diocesana de Lugo e Igaxes.

A misión da Rede TIL é a de afondar no coñecemento e intercambio de estratexias, modelos e boas prácticas no eido da orientación, o asesoramento e a intermediación laboral, a fin de acadar así maiores cotas de emprego entre as persoas usuarias das entidades implicadas.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.