Skip to main content

O IDEGA convoca a sétima edición do premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia

O obxecto do certame é premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social galega. FOTO: santi Alvite
O obxecto do certame é premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social galega. FOTO: santi Alvite
O prazo de presentación de candidaturas manterase aberto ata o 15 de novembro

A sétima edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia acaba de ser convocada conxuntamente polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC. O obxecto do certame é premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social galega e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O galardón está estruturado en dúas modalidades. A primeira delas está centrada en traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, entre o 15 de outubro de 2019 e o 14 de outubro de 2020; mentres que a segunda pon o foco en teses de doutoramento, presentadas en calquera universidade entre o 15 de outubro de 2019 e o 14 de outubro de 2020. O galardón da modalidade 1 está dotado con 2.000 euros, mentres que o traballo vencedor na modalidade 2 recibirá 1.000 euros. A resolución farase pública antes do 20 de decembro de 2020.

Ata o 15 de novembro deste ano, calquera membro do profesorado, persoal investigador ou da institución pode facer chegar á secretaría do IDEGA en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben enviar por correo postal (IDEGA-Avda. das Ciencias, Chalet nº 1 Campus Vida – 15782 Santiago de Compostela) a súa proposta de candidatura ao premio. As solicitudes deben indicar autoría, título e información de edición, engadindo una copia en papel e a indicación dun mecanismo de acceso electrónico ao recurso ou copia en soporte USB. As bases completas do certame poden consultarse nesta ligazón.

The contents of this page were updated on 11.12.2020.