Os socios do Life Fluvial destacan o “bo ritmo” das actuacións programadas na cunca do Miño e nas Mariñas coruñesas

As actuacións de mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica programadas na contorna da cunca fluvial do río Miño e nas Mariñas Coruñesas ao abeiro do Life Fluvial, un proxecto europeo dotado con máis de 3 millóns de euros de financiamento e coordinado en Galicia polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, avanzan a “bo ritmo”, segundo se constatou na última comisión de seguimento deste Life en Galicia. Este é un foro no que se fixo visible o amplo apoio oficial do que gozan os socios dun proxecto europeo que botou a andar en 2018 e que xa concluíu as acción previstas na cunca fluvial miñota nos concellos de Lugo, Rábade e Guitiriz.
Á falta de poucos meses para o remate do programa, o Life Fluvial, ultima os traballos de restauración e mellora de conservación da contorna da ría de Betanzos, así como as actuacións orientadas a mellorar a xestión sostible dos bosques hidrófilos arredor do encoro de Cecebre, ao tempo que avanza na adaptación das tarefas de divulgación, conservación e capacitación técnica, e networking, ao novo contexto deparado pola pandemia.
O balance dos últimos tres anos presentados aos axentes de Galicia implicados no Life Fluvial, un programa liderado polo Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo e que contempla actuacións en espazos da Rede Natura 2000 en Galicia, Asturias e Norte de Portugal, revela un alto grao de execución dun programa europeo que confía tamén en rematar en primavera os traballos xa en marcha no encoro de Cecebre.
O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, e o presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso Miramontes, dúas entidades socias do Life Fluvial, foron os encargados presentar e conducir a comisión de seguimento do proxecto, unha sesión telemática celebrada esta semana e na que participaron numerosos socios e axentes implicados no programa.
A xornada permitiu facer unha exhaustiva revisión do seguimento das accións concretas de conservación e divulgación do proxecto, ademais de verificar o alcance das actuacións executadas, o impacto que posúen e o valor engadido a nivel europeo do proxecto.