Skip to main content

Nace o proxecto Biolumen para o control da colonización biolóxica en fachadas a través de iluminación intelixente

A USC organizou un equipo de investigación que achegará toda a súa experiencia de anos no estudo da colonización biolóxica sobre monumentos. FOTO: Turismo de Santigo
A USC organizou un equipo de investigación que achegará toda a súa experiencia de anos no estudo da colonización biolóxica sobre monumentos. FOTO: Turismo de Santigo
Esta experiencia piloto aplicarase á fachada norte da Casa do Cabildo na Praza de Praterías de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Biolumen é o proxecto piloto de iluminación intelixente que se aplicará á fachada norte da Casa do Cabildo, na Praza de Praterías de Santiago de Compostela. Esta iniciativa márcase como obxectivo principal preservar a condición de Santiago de Compostela como modelo de conservación do patrimonio a través da iluminación ornamental intelixente. Para iso desenvolverase un sistema de iluminación eficienten e medioambientalmente responsable para o control da colonización biolóxica en elementos de alto valor patrimonial, aproveitando a tecnoloxía LED e o  telecontrol da iluminación con capacidade biostática, que é facilmente  integrable en edificios con alto valor patrimonial, cun mínimo ou nulo impacto arquitectónico. A reunión do lanzamento oficial celebrouse esta semana, no marco do proxecto  Smartiago, formado polo consorcio integrado pola USC, Televés e Ferrovial Servizos.

“A Casa do Cabildo contará a partir da finalización do proxecto piloto cos beneficios engadidos dun aforro enerxético da contorna ao 80% anual, unha redución do gasto de mantemento da iluminación ornamental dun 60% e do gasto empregado na conservación de polo menos un 50%”, explica a investigadora da USC, Patricia Sanmartín.  Asemade, será pioneira no “desenvolvemento de solucións baseadas nos principios da economía circular polo respecto á biodiversidade”, apunta a directora científica.

Biolumen significa un gran compromiso para as empresas que integran o consorcio. A USC organizou un equipo de investigación que achegará toda a súa experiencia de anos no estudo da colonización biolóxica sobre monumentos, ademais da máis recente adquirida en iluminación do patrimonio, encargándose da parte científica do proxecto.

O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID(Fomento da Innovación dende a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

The contents of this page were updated on 12.15.2020.