Últimos días para a presentación de candidaturas ao XX Premio Aresa

A USC e o grupo empresarial Aresa manteñen aberto o prazo de presentación de candidaturas ao XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ata o vindeiro venres 25 de outubro. As persoas interesadas en promover candidaturas a este galardón, convocado pola USC e Aresa, poderán presentar a documentación requirida ata as 14.00 horas do próximo venres en calquera dos rexistros xerais de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago, tal e como se recollen nas bases deste premio, que están accesibles na web www.aresa-agricola.com.
O Premio Aresa recoñece cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
Un xurado especializado, no que terá representación o grupo Aresa e a propia USC, será o encargado de fallar a nova edición deste galardón, que conta cunha dotación económica de 10.000 euros para a candidatura premiada, que tamén recibirá unha placa conmemorativa.